Aurora Marco: “Carvalho insistía en que había que ser posibilista e atender á receptividade social”

Entrevista a Aurora Marco en Adiante.gal:
“(…) “Como digo, coñecín Carvalho no curso 67/68. Fixen aquel primeiro ano de Lingua galega e deume unha Matricula de Honra que me encheu de orgullo; en 4º curso escollín galego medieval e en 5º Literatura moderna, onde volvín obter outra Matrícula. Case todos os coñecementos adquiridos eran novos para min porque os anos de bacharelato só estudara a obra en castelán de Rosalía de Castro. Foi xustamente en quinto de carreira, en febreiro, cando me preguntou se querería traballar con el o ano seguinte. Naquela altura xa me concederan un lectorado para a Universidade de Rennes, na Bretaña francesa, mais rexeiteino, aceptei encantada a oferta de Carvalho e púxenme a facer a memoria de licenciatura, requisito obrigado para entrar a traballar na USC. Polo tanto, de profesor, ao que admiraba e do que aprendía sempre e co que fixen a descuberta da Galiza… de alumna pasei a discípula e colega. Era o curso 1970-71. Alí, naquel departamento de Lingüística e Literatura Galega seguín aprendendo, descubrindo a terra de miña nai e xa miña tamén, coñecín figuras importantísimas que viñan estar con el. Lembro de maneira especial a visita de Luís Seoane, moi agradábel no trato cando mo presentou. Conversaron e despois marcharon xuntos. Pola tarde, cando regresou ao departamento preguntoume se sabía de Seoane. Sabería pouco ou nada, non lembro. Daquela comezou a falarme da etapa da República, do Partido Galeguista, do exilio e de moitas cousas… Mais non da súa condición de represaliado. Lémbroo como se fose agora. Aquela tarde, creo, aprendín máis que en cinco anos na Universidade. Cando a praza que eu ocupaba como interina saíu a concurso, eu aínda non era doutora, non puiden presentarme e xa continuei na Escola de Maxisterio.” (…)
“Cando se fala do legado de Carvalho Calero, hai que referirse ao legado global. Foi escritor (poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta); historiador da literatura, que canonizou; crítico literario, lingüista, profesor de longa traxectoria en ensino secundario e universitario; mestre de fecundo discipulado; magnífico orador. Sen esquecer a súa intensa actividade política, dentro do Partido Galeguista, na etapa da República. Despois de saír do cárcere, non podía desenvolver ningunha actividade política, mais estaba ao tanto da reorganización do PG e concordaba co que estaban facendo os seus irmáns. Quero subliñar isto porque hai quen fai divisións interesadas e fala de dous Carvalhos, un anterior ao reintegracionismo e outro, posterior. Só houbo un Carvalho, coherente de principio a fin nos seus posicionamentos lingüísticos, políticos… Desde a súa xuventude, fiel á política cultural do Seminario de Estudos Galegos ao que pertencía, e ao longo da súa vida, mantivo o mesmo posicionamento a respecto da aproximación luso-galaica. Xa o expresara nun artigo sobre Antero de Quental de 1933. Cos compañeiros do SEG elaborou Algunhas normas para a unificazón do idioma galego, en 1933, para uso particular dos seminaristas e aquelas normas apuntaban xa unha filosofía: nos baleiros que haxa que encher, dicían, cumpre un achegamento ao portugués. Naquela altura, as xentes do SEG, de Nós, das Irmandades, mantiñan intensas e frutíferas relacións con Portugal, na consciencia de que os dous pobos, unidos por unha lingua común, debían estreitar lazos. Ou sexa que non é unha idea nova que Carvalho introducise na década dos setenta, como dicían algúns. É o que defenderon o galeguismo tradicional e a ciencia romanística. Non son novidades de última hora, debido aos desvaríos propios da idade, como dixo un presidente da RAG nun xornal compostelán cando xa estaba doente e pouco antes da súa morte… Cando don Ricardo considerou que podía introducirse a ortografía histórica foi no momento en que o galego xa se implantara no ensino e coa primeira promoción de profesores e profesoras da especialidade de galego-portugués a partir de 1978. Daquela as normas eran as da RAG, e con esas comezara a traballarse. Mais sempre existiu a idea, nun sector, de que o galego era lóxico que se aproximase ao portugués e non ao castelán.” (…)”