Ana Cabaleiro: “Na literatura óbviase a diferenza de clase e iso é perigoso”

Entrevista de Daniel Salgado a Ana Cabaleiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu primeiro e anterior libro era de relatos, Sapos e sereas (Galaxia, 2017). A que se debe o salto á novela?
– Ana Cabaleiro (AC): Sempre defendín que son escritora de relatos. É un formato que me gusta moito e non me parece nada doado. O que pasa é que eu empecei a escribir As ramonas un pouquiño antes de asinar o contrato de Sapos e sereas. Fun escribindo, publicouse Sapos e sereas e fun vendo a recepción. Ademais, sempre temos algo dentro que nos leva a pensar en se seriamos quen de facer outra cousa. Como un reto. As ramonas naceu máis por divertimento. Quería contar a historia e nun relato tería que condesala demasiado. Por iso naceu esta historia máis longa, aínda que tampouco é que sexa unha novela moi longa. Mais para min escribir curto é máis difícil e ao mesmo tempo é moito máis interesante.
– SG: Á hora de escribir, que diferenza hai entre decidirse por un formato ou por outro?
– AC: A min divírteme máis o relato. Gústame crear personaxes constantemente. Nunha novela eu non teño capacidade –como escritora– para crear personaxes abondo para divertirme. Hai que seguirlles o fío e aínda non cheguei a ese punto. Ao mellor algún día chego.
– SG: Pero polas Ramonas transitan moitos personaxes.
– AC: Si, hai moitos personaxes, pero cunha vida moi curta. Nacen e morren seguido. Non fisicamente, quere dicir que o seu percorrido na historia é moi curto. (…)”