Entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira en Praza:
“(…) – Praza (P): Non é nin novela nin libro de relatos propiamente [Un peixe no parqué]. Nin é algo relevante a mestura, en realidade. Non é, por suposto, a primeira vez que se fai isto, mais tampouco é o máis habitual…
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Iso é parte do xogo: xente próxima sempre me escoitaba dicir que para min era imposible facer unha novela, facían chanzas polo pequeno tamaño do que escribo… Cando empecei con este libro, na miña cabeza era unha novela, pero no proceso decateime de que era un libro de relatos… Mais si, para min non é importante se é novela ou libro de relatos, aínda que si haberá xente á que lle pareza relevante. Hai xente que considera que un libro de relatos é un quero e non podo facer unha novela… Non sei. Eu penso que pode ser unha novela frustrada, ou un libro de relatos, ou simplemente literatura.
– P: Varios relatos falan sobre a morte. Desde o primeiro, sobre os familiares que falecen en maio, ata un dos últimos, sobre o home que sabe que van matalo nuns minutos. A consciencia da morte como parte da vida, e a súa aceptación, están moi presentes no libro. E o paso do tempo, en relación con isto.
– RVL: O libro acaba de saír e hai poucas entrevistas, chegáronme comentarios de pouca xente… Mais si, o que dis é un tema para min central no libro, que case ninguén destaca. Non é un ensaio, non é a morte como leit motiv tampouco, pero si hai unha consciencia da fuga do tempo, que vai irremediablemente ligada á morte. Supoño que ten que ver con que ata certo punto maduramos, cumprimos anos, polo camiño vai quedando xente á que queremos, e iso vai conformándote como persoa.
Quero dicir que a consciencia da morte non é normalmente igual aos 20 que aos 40 e pico anos: sabes que está aí, si, e que é parte da vida. E iso tamén axuda a centrarse, a saber cales son as túas prioridades, e a tentar vivir a vida da mellor maneira posible. E despois hai outra cuestión, que é que eu crieime na aldea, e pode haber aí unha diferenza cultural en canto ao xeito de entender a morte. A aldea de hoxe tampouco é a aldea de hai 40 anos, mais había unha asunción máis natural da morte, formaba máis parte do día a día. Agora hai máis temor á morte porque se afasta á xente da morte: xa non hai velorios na casa…
– P: “Combinada coa esperanza, a desmemoria colectiva é un combustible para sobrevivir”, di o narrador nun dos relatos. Que quere dicir?
– RVL: A memoria é necesaria, pero no día a día tamén hai que practicar un pouco de desmemoria para que non se volva insufrible. Quero dicir que, para poder atender aos problemas e á vida cotiá, tamén hai que facer un pouco de desmemoria, porque non podes vivir permanentemente encabronado co mundo. A desmemoria é necesaria a título particular. A título colectivo xa non o creo. (…)”