Desde a Deputación da Coruña:
“Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa é o título da obra gañadora da XII Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña. O seu autor, Martín Fernández Calo (Porto do Son, 1990), reivindica a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu. Gaña un premio de 6.500 € e a publicación da obra é o que recibirá o autor.
Un xurado composto por Xurado, Miguel Anxo Seixas Seoane, Rebeca Baceiredo Pérez, Iria Veiga Ramos, e os gañadores da edición anterior Raúl Sotelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria escolleron a obra de Martín Fernández Castro da que destacaron o seu rigor e claridade expositiva.
“A investigación amosa unha profunda e rigorosa análise da institución de principes na Callaici da Antigüidade, cun amplo marco comparativo no eido xeográfico europeo. É singularmente meritoria dadas as dificultades da interpretación social do rexistro material de época castrexa”, apunta o fallo do premio que destaca tamén que “a tese dunha xefatura indíxena (asimilable ao concepto de princeps gentis) prerromana que persiste en época de Xulio-Claudia, descansa nunha sólida argumentación teórica, grazas á lectura científica do limitado corpus epigráficos, dun rico abano de clásicos latinos e de copiosas e pertinentes referencias bibliográficas (galegas, españolas e estranxeiras)”.
O xurado apunta ademais que o estudo está moi ben redactado e é moi preciso terminolóxicas e conceptualmente. “O autor sintetiza ben os obxectivos da investigación e os resultados acadados nas conclusións. E formula interrogantes cuxas respostas probablemente están enterradas nas ducias de xacementos castrexos sen escavar a día de hoxe”, sinalan arredor da obra.
Martín Fernández Calo naceu en Porto do Son en 1990 e forma parte da última xeración de licenciados en Historia (USC, 2013). O seu ámbito de investigación céntrase na historia socio-política, institucional e eclesiástica da antiga provincia romana da Gallaecia, os seus antecedentes pre-históricos e o seu legado tardo-antigo e medieval.
Reivindica así a Galiza antiga como suxeito historiográfico de seu, digno de estudo específico, tentando asemade de superar os compartimentos cronolóxicos que adoitan encorsetar a investigación académica.
Alén de Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa, gañadora do Manuel Murguía, a esta intención xeral se adscribe a súa tese de licenciatura (USC, 2015): A organización político-administrativa de Galicia na Antigüidade: séculos II a.C.-VIII d.C.
O pasado ano publicou Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia: séculos II a.C.-VIII d.C. (Blukk Edições, 2018). Toda a súa produción académica, con referencias, resumos e eventualmente arquivos para a descarga, pode consultarse na súa páxina académica persoal.”