Artigo de Moncho Mariño en Galicia Confidencial:
“Catro autores mostran o seu parecer sobre a escritura en galego, sobre a escasa presenza do libro en galego entre a xente máis nova e algúns motivos sobre este fenómeno. Apuntan que o descenso de falantes está incidindo non só na lectura no noso idioma, senón que algúns tópicos sobre a literatura galega pesan moito no momento de ler autores na nosa lingua.
A creación escrita en galego viu aumentar o seu número de autores e autoras nos últimos decenios. Con todo, o fenómeno é inverso en canto á receptividade da súa obra entre o público potencial a quen van dirixidas as súas obras. O número de lectores e lectoras en galego diminúe fronte a unha cantidade de títulos que sobordan a capacidade de “absorción” de lectura en Galicia.
Marica Campo, autora de narrativa e poesía analiza a situación desde unha perspectiva de volume. “Se se fai unha estatística a base de vendas, pode parecer que as cousas van moi ben, e iso é porque nos institutos e colexios se poñen libros de lectura obrigatoria”. O que dimensionaría a aceptación do libro en galego sería que “a xente mercase libros por propia vontade, mais isto lle pasa tanto ao libro galego como en español”. Mais tamén considera a autora do Incio que “agora predominan as novas tecnoloxías que, se se usasen ben, mesmo darían un novo xeito de ler”.
O escritor e teórico Mario Regueira vai á cuestión das lecturas dentro do ensino obrigatorio e no secundario, apuntando que “non estou a favor da obrigatoriedade sobre determinadas lecturas, ofrecería un abano de posibilidades para que os estudantes escollan”. Regueira apunta ademais que “a relación entre literatura e pedagoxía foi unha moeda de dúas caras, puido predeterminar a algunhas persoas a non leren en galego de adulto”.
Carlos Meixide, autor entre outras de títulos como Cans, Ons e Inge e Robbie, pon o acento en que “o libro en galego pode dar valor e limitar, mais o idioma non é condicionante para a xente nova se é que lle gusta o tema”. O que desde logo ten claro Meixide é que “o idioma non é limitante, o que si é limitante é o acceso a competir co castelán”. Samuel Solleiro, tradutor, novelista e poeta ten claro que a obrigatoriedade das lecturas no ensino “non é o que fai que haxa menos lectores”.
“As editoras en galego case fan traballo de ONGs porque expoñen moito do que teñen case de maneira voluntarista, mais hai algúns matices como que as editoras máis pequenas apostan por xente nova, as maiores quizais son as que apostan máis polos autores máis coñecidos” di Marica Campo sobre as empresas editoras. Sobre o número de títulos e lectores, Campo cre que se debera facer unha simple análise “a literatura debera ir paralela á lingua, porque se analizamos, cantos galegos somos?, cantos galegos len?, e cantos galegos len en galego?”. Quizais isto fixo que a publicación en galego sufra un fenómeno de “elefantiase”.
Unha alternativa é a autoedición en caso de non poder chegar cos escritos propios ás editoras convencionais. Este é o caso de Carlos Meixide que decidiu apostar por unha fórmula que “é homologable á edición máis tradicional”. Aínda así, Meixide recoñece que “é complicado mais é a miña principal ocupación”. Onde reside a fortaleza para a edición propia? Segundo Meixide “en manter unha periodicidade, de primeiras editara traballos que tiña gardados, agora toca traballar máis, por tanto, esixe unha certa capacidade de produción”.
Actualmente o abano de títulos e autores que aparecen en Galicia, a posibilidade de aparecer entre rostros tanto consagrados como recentes, pode parecer unha misión case imposible. “Claro que animo a escribir, mais tamén digo que non é doado vivir da escrita, mesmo autores xa consagrados en galego dicían cando comezaban que xa tiñan claro que non poderían vivir da literatura”, di Marica Campo.
“Hai casos en que non se fideliza o autor” di Mario Regueira, que engade “o abandono da lectura en galego por parte de adultos puido deberse tamén a que a crítica literaria en galego decepcionou a moitas persoas”. Nese sentido lembra que a literatura galega “sempre foi relacionada con temas identitarios e con imaxinarios xa superados”. É por iso que Regueira ve necesario fomentar novos autores e xéneros como a novela negra.
“Se é por unha cuestión económica de non ser que o combines con outros traballos, pois é difícil, mais non é o meu caso, teño outros traballos e non pensei en vivir da creación” di Samuel Solleiro. Sobre como é a experiencia de ver o teu traballo editado, Solleiro declara que “nunha editora minoritaria o trato é bo, coas grandes entras xa noutra maneira de facer as cousas”. “Realmente non penso se terá saída, escribo por darme ese gusto”.
Non obstante, para algúns creadores, como Carlos Meixide, existe unha certa ignorancia sobre autores e autoras galegas porque “os medios galegos non teñen sensibilidade cara os autores en galego”. “As preferencias son as dos autores e autoras consagradas xa en castelán”.
A edición e publicación para autores e autoras en galego está polo de agora nun momento complicado segundo os mesmos creadores. A aposta por novos xéneros, mellorar o acceso á creación e o fomento da lectura en galego sen que estea vinculada á obrigatoriedade curricular, poderían ser fórmulas atractivas a novas e novos lectores.”