Francisco Castro: “Non coñezo unha forma mellor para loitar contra o fascismo que a cultura e a educación”

Entrevista a Francisco Castro en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): En Tantos anos de silencio conta un acto de represión franquista. Está inspirado dun feito real?
– Francisco Castro (FC): Ningún dos personaxes existíu, pero houbo moitos que podían ter sido os protagonistas desta novela, dende intelectuais a membros da clase alta comprometidos coa República que foron represaliados, como militares franquistas que aproveitaron a guerra para requisar propiedades.
– AD: E as localizacións tan detalladas, tamén son froito da imaxinación?
– FC: O pazo de Flavia é totalmente ficticio, aínda que recrea en todo a estas construcións. Todo transcorre no mesmo escenario de xeito consciente. Quería crear sensación de claustrofobia para que o lector compartise ese sentimento ante peche dos presos.
– AD: Ao tempo conta unha historia paralela sobre o maltrato ás mulleres na actualidade. É unha equiparación buscada?
– FC: Si, porque é a violencia dunha e doutra é idéntica. Os que maltratan as mulleres son fascistas que non toleran que pensen por si mesmas. A terceira forza política de España é a que nega os dereitos das mulleres, pero tamén do colectivo LGTBI. Os mesmos fascistas que non queren que Ana, nen Ánxela (as protagonistas da novela en épocas distintas) sexan libres.
– AD: Para abordar a violencia machista escolle a unha muller profesional e intelectual, foxe así da tipificación da vítima?
– FC: Iso é algo que me interesa moito, rexeitar un perfil único da vítima. Non ten que ser de pouca formación ou baixos recursos para ser maltratada. Tamén o poden ser profesionais de prestixio con acceso á información. Non hai máis que ver a realidade. (…)”