[…] Abreuse así o principal evento de proxección exterior da cultura galega, ao que asistiu a delegación galega de escritores e artistas, así como unha nutrida representación do resto dos países presentes e de autoridades cubanas. […]
O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, impartiu o día 14 a conferencia inaugural que deu comezo á apertura da FILH. Diante dun público moi numeroso, o historiador explicou o binomio “cultura” (un punto de vista sobre o mundo) e “país/nación” (modo de estar e actuar no mundo) aplicado ao caso galego e falou da importancia da cultura para a construción dunha identidade de país. Villares falou de Galiza como unha “nación cultura” atlántica e de finisterre, “un país en profunda transición” e que ten os seguintes rasgos básicos: peso da terra como marco social e comunitario, o mar, peso da igrexa e da relixiosidade. Tamén definiu tres vectores de influencia: Europa como porta de entrada; América como porto de saída; e Portugal e a Lusofonía como unha tradición cultural compartida.
O presidente do CCG afirmou que Galiza é un país de “construción lenta”, aludindo a unha historia cun reino con pouco goberno, á creba liberal e a unha “tardía” toma de conciencia política.
Ademais, o mesmo día a Cátedra de Cultura Galega albergou un encontro cos poetas galegos Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez Igresias, Chus Pato e Xavier Rodríguez Baixeras, tras o cal actuará a cantante especialista en música medieval Paulina Ceremuzynska. […] (Consellaría de Cultura e Deportes)