Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“Ouh! Fagamos unha arroutada colectiva, descontrolada, desacralizada, incemos os peitos de irreverencia, de rebelión, de gargalladas, de sensacións, abramos as cancelas da percepción, botemos o seu cadeado ao mar bravo e xeneroso que nos azouta transformando ese efecto en aloumiño, para que o engula e o deposite nas súas profundidades ignotas e transforme a súa materia en máis forza natural. Declarémonos insubmisas da ameaza dos urcos encadeados con gravatas de seda que cuspe o mar embravecido e que presiden a falsidade e intentan reducirnos a cinzas, que asexan máis aló das bambolinas como predadores, agardando que caiamos na trampa dun falso medo que intentan inocular con xiringas invisíbeis de agullas penetrantes e aloumiños que subministran con gadoupas envoltas en luvas de lá mariñá, que non atopan acomodo nas butacas ao estaren nun patio, xa que prefiren un salón engraxado de opulencia, a quen o palco lles parece un cubículo incómodo no que se retorcen como bechas velenosas e o galiñeiro pouco menos que unha latrina. Subxuguémonos a esta terapia liberadora e libertaria. As táboas, para as que non importa a materia da que están feitas, trasládannos ao espazo, ao tempo, á dimensión que desexemos, que os mecanismos sensoriais, que o corpo na súa fisioloxía orgánica e metafísica, precise.
Aurg! Bruemos como fan as cachenas ou as rubias máis abraiantes, que de bestas tornan rebeldes. Fagamos un aquelarre de bufonas, de Marías Balteiras, onde nos proclamemos raíñas da artesanía teatral e sobre a cachamúa un circo por coroa. Que veñan por nós por cometermos o delito de compartir a gargallada coa veciñanza, coas compatriotas, co público bo e xeneroso, atoparannos á beira do mar, nel non prendemos, e se o lume prende o teatro é a almadía salvavidas que nunca naufraga, sempre aboia, e non precisa de estruturas complexas para transmitilo, para compartilo, para conservalo. Mais quen lle negue á xente este alimento imprescindíbel, intentando desangralo aos poucos, nunha lenta purga, ou transformalo nun híbrido homoxéneo e inocuo, toda esta arte-sanía, antes ou despois, tornarase en tractorada pilotada pola rebeldía, a rebelión e a desobediencia máis creativa, a tolemia máis incontrolada propia dos anos 20, a indocilidade máis alegre, festiva, divertida e emocionante co motor da res-pública a todo full speed contra quen así o pretenda.
Ouveade con forza, somos as lobas que desmontamos o estabelecido, da raíña Lupa a Pepa a Loba, que se alían coas ovellas para guialas por vieiros que nunca se atreveron a rozar. Arrincámoslle a quen pretende amordazarnos o pano enxoito para devolverllo enchoupado de liberdade a quen lle pertence, ao pobo, ao público, a nós. Incémolo co músculo colectivo da resistencia, para mostrar o que agocha detrás, a luz ao final do túnel angosto, a perspectiva máis ampla da realidade, da imaxinación, da creación colectiva, do entretemento, da información, da transmisión do coñecemento, aquí e agora, alá e onte, aló e manhá. Seguimos o exemplo das mulleres bravas que lle berraban ao capital paternalista e abafante “Fóra, aquí bastamos nós!” Recollemos a semente pétrea que nos deixaron tatuada coa poética da liberdade. Nós, as inadaptadas, que navegamos en dornas cos refachos do nordés e forza 8 de atlantismo na procura da nosa orixe para ofrecerlle ao mundo a nosa identidade colectiva.
Somos as bruxas, as Marías Soliñas que volveron ignífugas, transformamos o lume nunha ferramenta que racha cos muros da indecencia e a obscenidade e por tanto fora da escena, sistémica e institucionalizada. Neste taboleiro desenvólvese o mellor xogo colectivo nunca inventado, unha loita na que as armas só disparan sensacións pracenteiras, sorrisos iridescentes, gargalladas estrondosas, risadas irisadas, bombas racimo de emocións, a munición son caraveleiras, camelias, rosas, chorimas, xestas, carballos, castiñeiros, fauna e flora propia, para erguer un exército como no bosque de Birnam, unha fraga pangalaica, o da illa á que chegou un tal Amaro ou o bosque encantado de Aldán, con vocación de ofrecérenlle ao mundo a nosa propia aportación na conquista da liberdade, ouveo que pronunciamos na nosa creación común máis grande e poderosa, porque o idioma é o primeiro instrumento do xenio dun pobo e que entre carballos vizosos e ergueitos vólvese aturuxo, EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!
Isabel Risco”