O sector do libro galego demanda á Xunta de Galicia accións urxentes ante a crise do coronavirus

A Asociación Galega de Editoras (AGE), a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) remitiron hoxe ao conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, un documento onde demandan ao goberno galego unha serie de accións urxentes ante a crise do coronavirus

As tres entidades expresamos a nosa fonda preocupación polos efectos que a crise do COVID19, co estado de Alarma decretado en todo o estado Español, vaia ter sobre o sector do libro galego.

Consideramos que existe un alto risco de que moitas das empresas que conforman o tecido do libro galego non poidan superar as dificultades económicas derivadas desta crítica situación, un panorama que non ten precedentes.

A preocupación arrastra á totalidade do noso colectivo, dende empresas editoras e librarías —moitas delas, microempresas ou negocios unipersonais baixo o réxime de autónomos— ata as autoras e autores. Todo o seu traballo e mesmo a súa supervivencia atópanse en claro risco de continuidade.

Neste sentido, cómpre lembrar que a industria do libro galego constitúe hoxe o primeiro sector cultural do país, e son precisamente as pequenas e medianas empresas que o conforman as que garanten a súa pluralidade e diversidade. O posible peche destas empresas, como consecuencia da crise do coronavirus, suporía unha perda irreparable para a cultura galega.

O cálculo realizado polo sector do libro en Galicia sitúa nun 30%, como mínimo, a previsión de diminución da facturación para este ano. Os datos ofrecidos polas Cámaras do Libro de España cifran esa redución a nivel estatal en mil millóns de euros, 800 procedentes do mercado interior e 200 millóns do mercado exterior do libro.

Ante este panorama, as presidencias da Asociación Galega de Editoras, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e da Federación de Librarías de Galicia en representación das empresas e autoría agremiadas, solicitamos á Consellería de Cultura e Turismo e ao goberno galego as seguintes medidas para o sector do libro en Galicia. En primeiro lugar recollemos as propostas que foron trasladadas ao goberno central a través da Federación de Gremios de Editores de España e as Cámaras do Libro de España nestes días:

– Dispoñer de créditos a interese cero para as empresas do sector para poder facer fronte aos problemas graves de tesouraría derivados da parada repentina da actividade económica.
– Autorizar o atraso do pagamento das retencións do IRPF para empresas e autónomos.
– Suspender o pagamento das cotas da Seguridade Social para empresas e autónomos durante o vindeiro semestre.
– Facilitar o pagamento do IVE do 1º e 2º trimestre.
– Suprimir o pagamento do IBI das librarías.

Paralelamente, e de xeito complementario a estas propostas, propoñemos un paquete de OITO MEDIDAS ESENCIAIS, encamiñadas a incentivar a demanda do libro galego:
– Pór en marcha un Bono familiar que fomente a compra en librarías.
– Incrementar nun 50% a dotación para a compra de libros por parte de todas as bibliotecas públicas.
– Preparar unha campaña especial de fomento da lectura que integre a toda a sociedade. Que pode empezar xa por un plan transversal de promoción lectora neste momento de reclusión.
– Deseñar un verdadeiro plan de potenciamento do libro galego dentro e fóra do país, con especial detemento naquelas estratexias que promovan a poñan en valor a súa internacionalización.
– Crear unha liña especial de axudas para a edición.
– Ampliar os prazos de execución e xustificación das accións subvencionadas en 2020. Flexibilizar todas as tramitacións das axudas, simplificar a entrega de documentación, axilizar os pagamentos.
– As librarías (aquelas que teñan os CNAE 4761 e 4762, sendo a súa actividade principal a venda de libros) deben ser a canle comercializadora preferente para calquera compra con fondos da administración pública e/ou realizadas por entidades públicas.
– Reorientar as asignacións económicas previstas para o Xacobeo 2021 para destinar máis recursos á edición, á actividade dos escritores/as, ás librarías, e contar coas librarías nas campañas de divulgación de Galicia como destino turístico e nas accións difusoras do Xacobeo.