“Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.”