Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elba Pedrosa:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Son persoa sociábel, as máis das veces alegre. Sempre lembro cando me dixeron que tamén un chisco tola. Gustoume moito.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade, que vén sendo ausencia de egoísmo. Tamén a sinceridade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amor, que abrangue moitas cousas.
4.– A súa principal eiva?
-A impaciencia, entre outras. E neste oficio, pouco se fai sen paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Vou dicir varias, son un pouco fuxefuxe tamén… Ler ao carón da cheminea, pasear pola praia, cociñar lambetadas. E escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Perderme soa nunha cidade descoñecida e fisgar todo o que me dea tempo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Prefiro non amentala, non vaia ser o demo…
8.– Que lle gustaría ser?
-De maior? Escritora e actriz.
9.– En que país desexaría vivir?
-Gústame este para quedar. E poder liscar cando me pete mesmo a Portugal. Pero liscar de cando en vez.
10.– A súa cor favorita?
-A negra. Cada día máis a cor negra.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Tiña máis dúbidas coa cor… Eu sonche moito de mimosas de campo, fanme lembrar de cousas fermosas.
12.– O paxaro que prefire?
-Os de ferro son dos que máis gosto. Dos outros, as garzas de pés amarelos que vexo na Foz do Miñor.
13.– A súa devoción na prosa?
-Adoro a Zweig. Tamén Kundera, Almudena Grandes, Rosa Montero. E moitos autores galegos contemporáneos: Inma López Silva, Antón Riveiro, Suso de Toro…
14.– E na poesía?
-Whitman, Pessoa. A que leo de Ismael Ramos, Claudia Castro. E moita que me queda por ler…
15.– Un libro?
-Sempre anda aí a voltas… Una música constante, de Seth.
16.– Un heroe de ficción?
-Eu marcharía con Supermán. Penso que é dos voan máis lonxe, non si?
17.– Unha heroína?
-Marie Curie, entre moitísimas. Engaioloume a orixinal achega que fai dela Rosa Montero, no seu A ridícula idea de non volver verte.
18.– A súa música favorita?
-A que me pon a pel de galiña, que é case que toda. Dende Bach e Schubert ata, por exemplo, Sting, Amy Whitehouse ou Carlos Núñez, Guadi Galego coas súas Matriarcas.
19.– Na pintura?
-Fago escolma de cousas ben afastadas: esas inquedanzas que provoca Hopper, as bailarinas sen alma de Degas, as olladas curiosas das mulleres de Vermeer, ou a retranca (neoiorquina) de Rockwell. Tamén o pintor vigués da capa da miña novela en galego, Jorge Alonso!
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A muller que loita cada día por acadar a súa esencia e, ao tempo, leva silandeira unha chea de cargas no lombo.
21.– O seu nome favorito?
-Os das persoas que quero.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Para algúns iso da envexa é máis ca un hábito. Non o aturo. Penso que se estamos aquí, será para facer algo positivo entre todas as persoas, mais seica ando errada.
23.– O que máis odia?
-Ademais da envexa, e da falta de profesionalidade, tamén lle teño un pouco xenreira ao médico que non me deixa tomar lambetadas. Ata o punto de odiar, tampouco.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Isto para min é coma as posíbeis desgrazas, perfiro nin amentalas. Aprecio ningún para os que sementan o odio.
25.– Un feito militar que admire?
-Encantaríame que non fosen necesarios nin os militares nin os seus feitos. Creo nas verbas, na conciliación sen o emprego da forza.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Moitas veces penso que a insensibilidade, por iso de non padecer tanto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Desta non mirei as respostas dos compañeiros, ha, ha! Teño moi claro que quero morrer sen darme de conta. Zas!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O optimismo, a alegría, aínda que non estea nada doada a cousa, e o da falla de liberdade desta situación de confinamento lévoa moi mal.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Sempre que hai un arrepentimento verdadeiro, para min hai sempre perdón.
30.– Un lema na súa vida?
-Tempo é cambio.”