“A Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) acolleu o 9 de decembro, ás 13:00 h, a entrega do premio e presentación do libro gañador do V Concurso Balbino de Relatos, Bica de Montouto, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.
O acto deu comezo coa lectura da acta do xurado a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato. Seguidamente, interveu a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, María Victoria Alonso; quen destacou “a consolidación deste premio, que xa vai pola súa quinta edición e no que se resaltan os valores propios da nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente, o que permitiu a consagración deste certame como referente para autores ilustres e noveis tanto da provincia como da comunidade galega”. Tamén o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, incidiu na repercusión que está a acadar este premio destacando que “dende a Xunta é toda unha honra apoiar un certame que leva como nome a Balbino, protagonista de todo un clásico da literatura galega que representa unha das obras máis internacionais da nosa cultura. Así mesmo, é unha obriga para nós, así como para a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, apoiar iniciativas culturais como esta, que engrandecen o noso patrimonio cultural”. Tras eles, o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández; e o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López, felicitaron ao gañador e agradeceron a labor que desempeña tanto a editorial encargada da publicación, Edicións Fervenza, como a Fundación Xosé Neira Vilas en pro da difusión da cultura galega.
O peche do acto culminou coa entrega do premio ao autor da obra gañadora, Pepe Peinó, quen transmitiu coas súas palabras o seu agradecemento ao xurado, a Fundación Neira Vilas e a Edicións Fervenza, facendo fincapé en que se trata dun relato “escrito con agarimo dende o corazón” no que tratou de transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós “que non son só xubilados que observan obras, senón que aínda teñen moito que aportar á sociedade, algo que debería abrazar as novas xeracións, por iso este título, Bica de Montouto, pois a bica non só é un doce, senón que mesmo semella un bico, un bico ao rural máis profundo, sincero e puro”.
Por outra banda, este venres 11 de decembro, ás 20:00 h, o salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá a presentación de Bica de Montouto, pois trátase do lugar de residencia do autor, Pepe Peinó. O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso Balbino de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso Balbino de Relatos, Pepe Peinó.
Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18:00 h asinando libros no propio salón de actos.”