Xosé Carlos Caneiro: “A literatura actual vive a procesión dos simulacros”

Entrevista a Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Importa a calidade?
Xosé Carlos Caneiro (XCC): A literatura actual non pide calidade, non se demanda. Unha función da literatura é divertir e a outra revelar; a revelación é algo necesario, pero agora o único que se esixe é a diversión. Se non existe esa revelación dá igual todo, ata meter un tiburón en formol e cobrar millóns de dólares por iso dicindo que é arte. Nas artes vivimos un proceso de simulacro, de certo cinismo.
(LVG): As súas novelas acadaron practicamente todos os premios da literatura galega.
(XCC): Si, e estou moi agradecido a todos os xurados que me deron eses premios, sempre baixo plica. A cara descuberta son o escritor galego menos premiado, só recibín o premio nacional da Crítica por Un xogo de apócrifos. Pero despois do Eixo Atlántico e o Blanco Amor por Ébora non tiven máis. A vida nova de Madame Bovary foi moi ben acollida polos lectores, e aínda se sigue vendendo; para min supuxo unha decepción que non fose recoñecida polo sistema literario galego, pareceume unha inxustiza.”