Entrevista a Jamas na revista Pincha:
“(…) – Revista Pincha (P): Que contas en Diario dun Pirata Confinado? Como naceu a idea?
– Jamas (J): Contei as vivencias que tiven durante o confinamento, aínda que tamén serviume de pretexto para soltar o que tiña dentro. Non o tiña previsto, xurdiu de maneira espontánea a golpe do 14 de marzo de 2020. A miña parella e máis eu fumos facer unha compra post-apocalíptica (moita cervexa e pouca comida) e no Renault 21 escribín a primeira peza no móbil: “Amanceu asollado, respírase un aire a campamento de verán”. Ese día pola tarde propúxeme escribir un capítulo ao día ata que rematara o confinamento. E así foi.
– P: O libro está escrito en tempo real?
– J: Si, polas mañás, sentado na bicicleta estática, fumaba e bebía tintos (risos), e maduraba a idea. Logo pola tarde nas sestas de Arela (a súa filla) dáballe forma, e á noite matizaba e pechaba.
– P: No libro hai personaxes como o policía Harry ou un óptico cun furancho clandestino. Son reais?
– J: Eses personaxes en concreto non. Mestúrase realidade e fantasía. Hai cousas que semellan fantasía, pero son reais e viceversa. Harry non é un personaxe real, vén inspirado por vivencias que tiven de neno coa garda civil. O doutor Cazalla xa quixera que existira (risos). O repartidor non existe, aínda que realmente chegoume unha bandeira pirata á casa. (…)
– P: Cres que a pandemia restrinxiu liberdades en nome da saúde?
– J: Si, por imperativo legal porque non quedaban moitas alternativas. Ao estar pechado nun piso reflexionas sobre o que non tes, que é poder socializar, saír á rúa, ver á familia, aos amigos, e non a través da pantalla.
Estabamos todos máis sensibles sobre as liberdades precisamente por non telas. (…)
– P: A onde partirías se tiveses un barco pirata de verdade?
– J: Sairía desde o porto de Corme a un rumbo indeterminado. Hoxe, unha praia; mañá, unha cala; contemplar as estrelas, rir, cantar… O patrón deste bar sería un dos tripulantes (facemos a entrevista no bar Javichi da Rúa de San Pedro, cuxo dono é un dos históricos da zona e exerceu como xefe de máquinas). A idea do barco é porque teño un tío que tivo un barco alugado no porto de Xixón cando eu tiña 13 ou 14 anos. Pescabamos bonito. Encantábame contemplar as estrelas desde o barco, vin perseidas coas luces apagadas e é das mellores experiencias que tiven.
Os piratas tamén me gustan no senso de eliminar barreiras que sometan a túa liberdade máis aló do mar, o vento e as estrelas.
– P: Cales son as túas influencias literarias?
– J: José Saramago ten unha voz de autor moi persoal que non a vin noutros autores. Tamén Haruki Murakami, Don Winslow de novela negra, galegos como Teresa Moure (fai o prólogo do libro), Suso de Toro, Manolo Rivas. (…)”