María Xosé Porteiro: “Creo que as emocións pesan máis ca as ideas no comportamento humano”

Entrevista a María Xosé Porteiro na Televisión de Galicia:
“Dixo Murakami: “O odio é moi perigoso e unha vez que prendeu no noso corazón extirpalo é uha angueira titánica”. Unha frase que abre a novela Tabiba de Maria Xosé Porteiro e que condensa o que hai dentro dela. Desde o xihadismo, desde os procesos de radicalización, e desde o paso do amor ao odio, Porteiro narra un thriller que hoxe traemos ao Zigzag Fin de semana. A entrevista pode verse aquí.”

Jamas: “Os piratas eliminan barreiras”

Entrevista a Jamas na revista Pincha:
“(…) – Revista Pincha (P): Que contas en Diario dun Pirata Confinado? Como naceu a idea?
– Jamas (J): Contei as vivencias que tiven durante o confinamento, aínda que tamén serviume de pretexto para soltar o que tiña dentro. Non o tiña previsto, xurdiu de maneira espontánea a golpe do 14 de marzo de 2020. A miña parella e máis eu fumos facer unha compra post-apocalíptica (moita cervexa e pouca comida) e no Renault 21 escribín a primeira peza no móbil: “Amanceu asollado, respírase un aire a campamento de verán”. Ese día pola tarde propúxeme escribir un capítulo ao día ata que rematara o confinamento. E así foi.
– P: O libro está escrito en tempo real?
– J: Si, polas mañás, sentado na bicicleta estática, fumaba e bebía tintos (risos), e maduraba a idea. Logo pola tarde nas sestas de Arela (a súa filla) dáballe forma, e á noite matizaba e pechaba.
– P: No libro hai personaxes como o policía Harry ou un óptico cun furancho clandestino. Son reais?
– J: Eses personaxes en concreto non. Mestúrase realidade e fantasía. Hai cousas que semellan fantasía, pero son reais e viceversa. Harry non é un personaxe real, vén inspirado por vivencias que tiven de neno coa garda civil. O doutor Cazalla xa quixera que existira (risos). O repartidor non existe, aínda que realmente chegoume unha bandeira pirata á casa. (…)
– P: Cres que a pandemia restrinxiu liberdades en nome da saúde?
– J: Si, por imperativo legal porque non quedaban moitas alternativas. Ao estar pechado nun piso reflexionas sobre o que non tes, que é poder socializar, saír á rúa, ver á familia, aos amigos, e non a través da pantalla.
Estabamos todos máis sensibles sobre as liberdades precisamente por non telas. (…)
– P: A onde partirías se tiveses un barco pirata de verdade?
– J: Sairía desde o porto de Corme a un rumbo indeterminado. Hoxe, unha praia; mañá, unha cala; contemplar as estrelas, rir, cantar… O patrón deste bar sería un dos tripulantes (facemos a entrevista no bar Javichi da Rúa de San Pedro, cuxo dono é un dos históricos da zona e exerceu como xefe de máquinas). A idea do barco é porque teño un tío que tivo un barco alugado no porto de Xixón cando eu tiña 13 ou 14 anos. Pescabamos bonito. Encantábame contemplar as estrelas desde o barco, vin perseidas coas luces apagadas e é das mellores experiencias que tiven.
Os piratas tamén me gustan no senso de eliminar barreiras que sometan a túa liberdade máis aló do mar, o vento e as estrelas.
– P: Cales son as túas influencias literarias?
– J: José Saramago ten unha voz de autor moi persoal que non a vin noutros autores. Tamén Haruki Murakami, Don Winslow de novela negra, galegos como Teresa Moure (fai o prólogo do libro), Suso de Toro, Manolo Rivas. (…)”

Premios Os mellores 2011 en Redelibros

Desde Redelibros:
“Pois xa temos resultados das enquisas, así que agora toca facer a solemne proclamación dos que son, para todos vós, Os mellores de 2011. Grazas a tod@s por participar e parabéns aos seleccionados, de seguro teñen méritos dabondo!

Tradutor ou tradutora: Tuula Ahola Rissanen, por Purga, de Sofi Oksanen.
Obra literaria en galego: Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz.
Libro infantil e xuvenil en galego: O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila.
Editorial galega: Urco Editora.
Libraría: Cartabón (Vigo).
Web ou proxecto 2.0: Meubook.
Crítica ou crítico: Armando Requeixo.
Obra non literaria en galego: Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón.
Ilustradora ou ilustrador: Iván Valladares, por O mundo secreto de Basilius Hoffman: o ladrón de soños.
Banda deseñada: Revista Retranca, de Kiko da Silva.
Obra literaria en castelán: 1Q84, de Haruki Murakami.
Proxecto ou evento cultural: Culturgal.
Blogue literario: Criticalia, de Armando Requeixo.

Agradecemos en calquera caso as vosas votacións e a confianza que depositades en nós.”

‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’

“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.

Murakami presenta en Santiago a edición galega do seu novo libro

Hoxe mércores 11 de marzo ás 20 horas no Casino de Santiago o escritor xaponés Haruki Murakami presenta a súa novela Do que estou a falar cando falo de correr, editada por Galaxia. Traducida por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez, esta obra chega ás librerías antes en versión galega que en castelán. No acto participarán tamén Ubaldo Rueda, director do Casino, e Víctor F. Freixanes, director de Galaxia. Deixamos a seguir o texto de presentación editorial do libro e o autor:

Haruki Murakami é un dos autores que máis venden e con máis predicamento en todo o mundo na actualidade. Neste libro aborda as súas experiencias como corredor de maratóns ao tempo que reflexiona sobre a súa condición de novelista. Haruki Murakami, nado en Quioto no ano 1949 antes de dedicarse á literatura rexentaba un club de jazz, que deixou aos trinta anos, en 1979, para dedicarse por completo á literatura e á paixón de correr. Desde aquela, deu ao prelo obras admiradas en moitos países e en moitas linguas como “Tokio blues”, “Kafka na beiramar” ou “Tras o solpor”, tamén publicada na nosa editorial e con éxito unánime de público e crítica.