O Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón Llull e o Etxepare Euskal Institutua promoven unha residencia de tradución poética

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Tradutores/as emerxentes e consolidados/as de poesía de lingua catalá, galega e vasca a polo menos unha destas linguas. A eles está dirixido o proxecto de Residencia de tradución de poesía que convoca o Institut Ramon Llull coa colaboración do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Etxepare Euskal Institutua. A convocatoria, que ten aberto o prazo de recepción de candidaturas ata o 15 de novembro, busca promover un intercambio entre as persoas seleccionadas ao tempo que desenvolven un proxecto de tradución individual.
A convocatoria do Institut Ramón Llull, co apoio do CCG e o Etxpare, está encamiñada a que os tradutores seleccionados que pasen unha estadía dunha semana (do 1 ao 8 de abril de 2022) na residencia na Faberllull Olot Residència d’Arts, Ciències i Humanitats de Catalunya. A convocatoria busca xerar un espazo de traballo, inspiración e intercambio e estará organizado en dous bloques: un colectivo que priorizará o intercambio entre os residentes e onde se desenvolverán encontros con outros tradutores e autores que servirán de inspiración; e outro individual destinado a que cada residente poida desenvolver o seu proxecto de tradución. Ademais, a participación na residencia abre a posibilidade de intervir nun festival literario que se realizará nas tres zonas de influencia dos organizadores.
A convocatoria cobre os gastos de desprazamento ata a residencia, aloxamento e media pensión e unha axuda de custo de 350 euros. O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de novembro e as persoas candidatas teñen que ser tradutores de poesía de lingua catalá, galega e vasca a polo menos unha destas linguas. Ademais, deberán ter, como mínimo, obra publicada en formato libro ou nunha revista literaria. Os resultados comunicaranse a partir do 15 de decembro de 2021 de maneira individual ás persoas seleccionadas e a través dos sitios web das tres institucións implicadas.”

Este é o formulario de inscrición.

As condicións da convocatoria poden consultarse aquí.