Fene: Obradoiro literario coordinado por Eduardo Estévez

O 15 de outubro comeza a 10ª edición do obradoiro literario de Fene, na Biblioteca Municipal, coordinado por Eduardo Estévez. Todos os venres de 17:30 a 19:30 ábrese un espazo para a creación, o debate e o intercambio arredor da literatura. Durante o curso haberá visitas de escritores, actividades públicas e, ao final, unha publicación cos textos das persoas participantes. Nesta primeira parte do curso está prevista a visita de Yolanda Castaño e Xavier Alcalá. A final de ano, farase unha pequena publicación na que se recollen colaboracións dos participantes do obradoiro como unha mostra do traballo desenvolvido.  Do obradoiro literario de Fene saíron xa, nestes anos, até catro libros individuais (dous xa publicados, dous no prelo) e diversos premios tanto de narrativa canto de poesía. A matriculación realizarase do venres 1 ao xoves 7 de outubro nas dependencias administrativas do Pavillón A Xunqueira (os días 1, 4 e 5 de outubro poderán anotarse as persoas residentes en Fene e o 6 e 7 de outubro, a poboación en xeral). O horario de atención ao público será de 9:00h a 13:30 h. (todos os días) e de 16:00 a 19:00 h. (o mércores 6 de outubro). Máis información aquí.