Eduardo Estévez: “O problema principal destes tempos difíciles está na ollada dirixida, no pensamento único, na deliberada confusión informativa”

Entrevista de Montse Dopico a Eduardo Estévez en Praza:
“(…) – Praza (P): [sen-fin] propón, dalgunha maneira, o ollar dunha cámara. Por que? Como xorde?
– Eduardo Estévez (EE): Levaba tempo apuntando ideas para escribir guións de videopoemas. Eran notas manuscritas nun caderniño. É raro, porque eu só escribo no ordenador ou no móbil pero estas notas estaban nunha Moleskine (algo moi “literario”, non?). Un día, despois de terminar o proceso de escrita e construción de ‘entrar na casa’, tiña ganas de escribir algo moi libre, sen os condicionantes do traballo a catro mans, e lembrei dese caderniño que había tempo non tocaba.
Xusto chegoume ao correo a convocatoria dun certame e pensei que era boa escusa para forzarme a traballar cunha data límite. Tiña catro meses de prazo e organicei: tres meses para escribir, un para revisar e corrixir. Un mes máis tarde o libro estaba xa enviado. Foi rapidísimo. Ben se ve que as notas que tiña pousaran e medraran na miña cabeza case sen me dar conta. O que fixen foi converter esas ideas de videopoemas en textos máis ortodoxos pero conservándolles sempre a perspectiva audiovisual, tendo sempre presente que é unha cámara (coas súas limitacións técnicas) a que está mirando.
Pensei, en realidade, que nunca ía ser quen de facer (ou encargar) eses videopoemas e que, se non o facía así, esas ideas ían morrer no caderniño (cousa que tampouco ten por que estar mal pero dábame pena). Finalmente incorporeilles aos textos algunhas reflexións de quen se sitúa deste lado da cámara sobre o que está mirando, sobre o feito de observar. Isto no videopoema supoño que tamén podería facerse (cando ves unha peli esas reflexións están na maneira de montar o plano, de iluminar a escena, de deseñar o audio) pero require unha técnica que eu non coñezo.
– P: No xogo de perspectivas que se propón, un dos “motores” é a busca dunha beleza que parece achegarse e, ao mesmo tempo, fuxir de nós. Cal é a relación de ‘[sen-fin]’ coa procura da beleza? E coa luz?
– EE: A procura da beleza está sempre na miña preocupación cando deseño esas postais, esas paisaxes. Pódese facer poesía do feo, arte do feo. Na fotografía iso é moi evidente. Ou no cine, pero tamén na pintura. Ás veces teño a tentación de escribir cousas feas, reflectir nos poemas a dor e o sufrimento da vida diaria. Unha vez tenteino: fixen un poemario sobre cousas feas, asuntos feos da actualidade política e social. Está sen rematar.
Estevo Creus leuno e díxome que, a pesar das cousas terribles das que falaban os textos, eu conseguía facer que fosen bonitos. Pero creo que prefiro deitar unha ollada sobre o bonito. Que a vida diaria xa nos enche a cabeza de imaxes terríbeis. E quero pensar que a poesía, tamén nese sentido, pode ser un lugar onde mirar a vida doutro xeito. Igual é por iso que non dou acabado aquel proxecto… (…)”

Eduardo Estévez: “Poemas como filmes”

Entrevista de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“Unha persoa sentada na cociña. Penumbra. Despois, a mesma persoa nun deserto. Está calmada, pero o seu rostro axítase lenemente. A imaxe regresa á cociña. Parece unha secuencia dun filme pero é o núcleo argumental dun poema. En concreto, dun poema do último libro de Eduardo Estévez, [sen-fin] (Positivas, 2019).
“a escena comeza / cun cadáver / boca abaixo no centro da rúa”, principia a obra, “non pasan coches / nin xente / a esta hora da mañá / os domingos”. Sen maiúsculas, sen voz alta, como un cinematógrafo que enmarca a realidade, atento aos detalles, con significadísimos fóra de campo e sobriedade metafórica, a orixe de [sen-fin] confirma a súa aparencia fílmica.
“O libro escribino antes dos dous últimos que publiquei, de baleas (2017) e nós-dentro (2018). Acabara o proceso de Entrar na casa [en colaboración co fotógrafo Nachok], que fora moi negociado, e apetecíame escribir ao meu aire”, conta Estévez (Bos Aires, 1969) a Sermos Galiza. Era 2013. Decidiu daquela recuperar bosquexos dun caderno de notas en que, tempo atrás, recollera ideas para videopoemas.
A situación resultáballe rara. El sempre preferiu escribir no computador ou no móbil. E aqueles prototipos de guión que quedaran en nada convertíanse agora en poemas, inzados de cortes, secuencias e fundidos. “o movemento das pólas / detrás das cortinas / translúcidas / fai xogos de luz / no papel da parede”, di cuarto de hotel, “comezan a oírse voces / nun cuarto contiguo // discuten // a cámara permanece fixa”.
A soidade da vida moderna e o absurdo apenas entornado do cotián. A poética dos obxectos e as trampas da memoria. A ollada espida sobre a cidade e personaxes como de cadro de Hopper. Esa luz que redefine as cousas a cada paso. [sen-fin] é ademais un álbum de fotos, postais lacónicas pero narrativas, a non tanta distancia doutros traballos de Estévez. (…)”

“Arrincar os marcos, traspasar a fronteira: as culturas galega e portuguesa abren no Porto unha nova canle de intercambio coa poesía”

Artigo de Montse Dopico en Praza (foto de Edicións Positivas):
““Movéronnos os marcos/ e arrasamos a fronteira”. Dicíao Xabier Xil Xardón ao ler un dos seus textos no recital de poesía galega celebrado no Porto na segunda edición do ‘Arrincando marcos’. Non pretendía adiantar as conclusións deste evento, organizado pola editora Positivas. Mais as súas palabras si poderían, quizais, agoirar o futuro dun intercambio cultural entre galegos e portugueses que, polo menos por motivos históricos lingüísticos, debería producirse dun xeito tan corrente e fluído que os lindes administrativos chegasen a diluírse. Mesmo ata a desaparición. De xeito que Porto fose unha praza tan normal para un creador galego coma calquera cidade galega. Alén dos puntuais -malia que crecentes, e parte deles xa consolidados- encontros ás dúas beiras do Miño.
Falouse diso no ‘Arrincando marcos’, ao tempo que se cumpría un programa de actos que comezara cunha simbólica ofrenda na estatua de Rosalía de Castro, na Praça da Galiza, no Porto. Tras colocar flores nas mans da figura fundacional da nosa poesía, o director de Positivas, Francisco Macías, afirmou, facendo súa unha reflexión expresada momentos antes por Antón Casais, que “as cousas nacen da forza do desexo”. A pesar da escaseza de recursos ou dos atrancos para conseguir que o miúdo acade unha repercusión que poida mudalo en grande. E foi, precisamente, a confianza no potencial transformador do pequeno o que alicerzou o ‘Arrincando marcos’. Que foi só un modesto chanzo dun movemento de ida e volta entre poetas de Portugal e Galiza que terá continuidade.
“Faltan accións e sobran queixas, lamentos”, sostén o limiar da antoloxía poética editada por Positivas con motivo do ‘Arrincando Marcos 2019’. Certo que non é, nin moito menos, a primeira vez que a cultura galega e portuguesa partillan un evento. Desta volta foi por medio de Edicións Positivas -que levou ata Porto a sete dos autores/as do seu catálogo- e da Poetria, libraría especializada en poesía e teatro da portuense rúa das Oliveiras. O discurso sobre a necesidade de fomentar o intercambio tornouse mesmo oficial -e diso foi mostra a aprobación da Lei Paz-Andrade-. Mais o ritmo e intensidade do mesmo non acadou o nivel desexable. “Parece que todo o mundo está de acordo” -indicou Macías – “pero falta dar un paso adiante, concretar”.“O mundo cultural galego” -engadiu- “ten que poñer un pé en Portugal por necesidade e por supervivencia”, dixo. Afirmación que sen dúbida compartirían os e as responsables das múltiples iniciativas, a maioría privadas -ou máis ben comunitarias, e moitas delas ligadas ao reintegracionismo- de achegamento entre artistas dos dous lados da fronteira.
“Eu comecei sacando libros en portugués. Publicaba libros de portugueses que distribuía en Galiza e Portugal” -lembrou Francisco Macías-. Positivas organizara xa antes do ‘Arrincando Marcos’ no Porto actos poéticos en Cerveira (Viana do Castelo) ou Braga -o primeiro ‘Arrincando Marcos’, no 2017, tivo lugar nesta cidade na libraría Centésima Página-. “O que quero agora é recuperar aquela dirección dos inicios de Positivas. O ano que vén teño previsto, por exemplo, publicar cinco libros de poesía de autores en portugués, cada un dun país dos PALOP (Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa), en coedición cunha editora de Vilanova de Cerveira”, comentou. (…)”

Porto: Poesía galega no Porto. Arrincando marcos 2019

PROGRAMA (todos os actos son públicos):

15:30 h. Entrega de cravos vermellos na estatua de Rosalía de Castro, na Praza da Galiza.
17:00 h. Rolda de Prensa.
19:00 h. Recital conxunto dos oito poetas.
21:00 h. Leitura colectiva do texto Que é Galicia?, de Lois Pereiro.
24:00 h. Chamado aos pobos galego e portugués.

A editora compostelá Edicións Positivas acompaña oito poetas galegas-os (que figuran no cartaz e na antoloxía editada para a ocasión), precisamente os oito últimos publicados na editorial, nunha xornada que terá como acto central un recitado conxunto na Livraria Poetria.
Este desembarco, denominado ARRINCANDO MARCOS, é o inicio dunha serie de accións para que as letras galegas e portuguesas teñan un maior coñecemento mutuo, un intercambio necesario, vital.

Compostela: obradoiro de escrita creativa con Eduardo Estévez

Eduardo Estévez impartirá un obradoiro de escrita na Libraría Chan da Pólvora de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 74) durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo: 12 horas intensivas repartidas en seis xornadas (que cadrarán a luns de 20:00-22:00).
O prazo de inscrición finaliza o 16 de xaneiro. Toda a información en chandapolvoralibraria@gmail.com ou no teléfono 881253585.