“Co propósito de fomentar a creación de novos textos teatrais en galego, impulsar o xénero do radioteatro e apoiar os autores e autoras de SGAE, a Fundación SGAE convoca Escoitamos teatro, certame de textos dramáticos breves para radio e podcast. Trátase dunha iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia coa colaboración da Radio Galega.
Poderán concorrer a este certame todos os socios e socias da SGAE de calquera nacionalidade, agás os membros da Xunta Directiva da SGAE e do Padroado da Fundación SGAE, que escriban obras curtas de teatro en galego creadas para ser difundidas en formato de radioteatro/podcast e cunha duración estimada entre 10 e 15 minutos. Non se admitirán obras en coautoría.
Os textos presentados deberán ser inéditos e integramente orixinais (non se permitirán obras que utilicen fragmentos de obras alleas), cun máximo de dúas personaxes. Tema, xénero e estilo serán libres.
Os autores/as das pezas seleccionadas recibirán unha dotación de 200 euros. Ademais, as obras serán dramatizadas, gravadas e producidas por un equipo profesional no estudio da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. As obras resultantes, en formato de radioteatro/podcast, serán divulgadas nas plataformas dixitais da Fundación SGAE. A Radio Galega programará estas obras en horario de ampla audiencia e difundiraas tamén nas súas plataformas dixitais.
As inscricións están abertas ata o 23 de xuño.
Consulta as bases: Máis información e inscricións.”