Entrevista a María Solar en Praza:
“(…) – Praza (P): A culpa é a historia dunha muller rica que vive, na súa vellez, na indixencia. Como xorde este personaxe? Parécese a unha personaxe de Teresa Moure que escolle vivir na indixencia.
– María Solar (MS): Para min Marcela non vive na indixencia por elección, senón porque está destruída. Vive un proceso que a acaba levando á loucura. Os personaxes que xurdiron primeiro foron Marcela e Mirtha. Eu o que quería era falar dunha amizade tóxica. Sempre se fala de amor tóxico, pero non das amizades tóxicas. A amizade entre Marcela e Mirtha nace de algo bo, hai sororidade e un proceso de construción, pero Marcela acaba por querer controlar e posuír a Mirtha. E para conseguilo faille un favor impagable.
– P: A novela alterna dúas historias, a de Amanda, a moza á que a muller rica lle deixa a súa fortuna, e a historia da muller rica. Por que esta dobre estrutura?
– MS: Penso que é unha estrutura que pode ter certa complexidade, pero sen que se note, sen que resulte difícil para o lector. Sempre parto da idea de que escribo para que alguén constrúa a historia comigo. En vez de facer unha estrutura lineal dividín a historia en partes que se entrecruzan, que atravesan distintos tempos, que están contadas con tempos distintos usando persoas distintas. E con frases que separan as distintas partes do libro que pertencen a unha das personaxes. Tamén foi para min un xogo, porque me gusta divertirme cando escribo. Todo o que escribo é moi pensado. Dedícolle moito tempo. Probei outras estruturas, pero non funcionaban.
– P: A novela ten bastante de reflexión sobre a culpa e os seus efectos. Por que escolles falar da culpa? Mirtha di ademais que se educa as mulleres para sentir culpa, aínda sendo vítimas.
– MS: Quería falar do poder da culpa e do seu nesgo de xénero. É algo educacional e cultural, relacionado coa cultura cristiá, pero non só. Historicamente considerouse que a muller era a culpable, xa desde Eva. Hai un libro escrito na Idade Media, A cidade das mulleres, de Christine de Pizan, que reflexiona sobre esa visión das mulleres como seres inclinados á maldade e ao vicio. Ela miraba arredor e non vía iso… Pero é algo secular, metido a ferro. Temos pensamentos de culpabilidade que os homes non teñen. Sentes unha culpa tremenda por non ser, por exemplo, capaz de chegar ao tempo ao colexio para buscar os fillos, estando inmersa no mercado laboral… Porque se nos asigna o papel de coidadoras, de responsables de todo. E iso é algo do que é moi difícil desfacerse. É moi destrutivo e moi poderoso. (…)”