Entrevista a Paula Carballeira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como naceu As alumnas?
– Paula Carballeira (PC): A obra xorde porque unha compañía, Culturactiva, me pediu unha peza que falase da muller e da época franquista. Eu, por circunstancias dese momento, empecei a pensar no importante que era a educación, e comecei a investigar. Coñecía de nome a María Barbeito, pero faltábame saber todo o que fixera no contexto no que se insería: a Segunda República, os avances educativos que se intentaron poñer en marcha daquela, sobre todo no relacionado coas mulleres. A partir de aí, desa documentación, pero sen perder a perspectiva de que era unha obra de teatro, que tiña que ter unha compoñente lúdico, xa que en escena é fundamental xogar coas palabras, coas situacións, pensei claramente en dous personaxes. Non antagónicos, porque pensei que sería bonito ter dúas alumnas amigas, que na vida tomaron diferentes camiños aínda que non antagónicos, porque son alumnas de María Barbeito. Unha sigue, con todas as dificultades, o camiño da mestra, mentres que á outra a vida lévaa por outros lugares. Iso permítenos abrir a visión aos distintos camiños de determinadas mulleres nesa época.
– LVG: O foco está posto nelas…
– PC: Igual que se deixamos de contar contos, se non hai transmisión, eses contos desaparecen, na educación é o mesmo. As alumnas teñen non só esa responsabilidade de transmisión, senón de transformación. Si que me parecía axeitado poñer o foco niso. Neste caso, son dúas alumnas inventadas, teñen a compoñente da ficción, que considero que é moi importante e dá liberdade para a escrita. Se te baseas en personaxes reais está aí a súa biografía, sempre hai a ficción queda máis restrinxida. Crear estas personaxes permitíame falar do que eu quixese da forma que eu quixese, encarnar determinado tipo de camiños en Elvira e Rosa.
– LVG: O xurado destacou da obra premiada que é un eloxio do maxisterio que fomenta a dúbida e persegue o debate.
– PC: Efectivamente, si. Creo que a marabilla do maxisterio é a de crear espírito crítico. Dar as ferramentas para que as persoas poidamos defendernos, poidamos cuestionar, poidamos dubidar, ter curiosidade. Se cho dan todo feito, se impiden que ti tomes as rendas da túa opinión, estamos nunha vía moi dirixida. Pero creo que o maxisterio ten que abrir camiños e non pechalos. (…)”