Convocado o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas

“Dando continuidade ao que xa se está a converter nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Cultural Caldeirón convocan o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes:

B A S E S

PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todo os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega, e sempre e cando cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei Xeral de Subvencións de Galicia, e 13 da Lei 38/2003, Lei Xeral de Subvencións.
SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio máximo único e indivisible dotado con  1.000,00 €, con cargo á partida orzamentaria 330/480 do orzamento do Concello de Malpica prorrogado para 2009 e actualmente en vigor, e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
TERCEIRA. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados. As obras presentaranse baixo un título ou un lema, achegados de plica na que conste o título ou lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade, número de teléfono, modelo de solicitude (Anexo I) de participación debidamente cuberto, así como copia do DNI ou documento equivalente.
CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de outubro de dous mil once, e deberán enviarse ó Concello de Malpica de Bergantiños, Avenida Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre VI Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Aceptaranse todas as propostas (nacionais ou non) que se acheguen por correo certificado ata o mesmo día de remate do prazo de presentación de orixinais.
QUINTA. O xurado estará presidido por un representante do Concello de Malpica proposto e nomeado polo Alcalde- presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, nomeado polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, quen poderá ser substituído por outra persoa no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación; actuará como secretario o da corporación ou funcionario no que delegue. A composición do xurado farase pública no taboleiro de anuncios do Concello, así como na páxina web do concello con anterioridade á súa reunión, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes. O xurado valorará  como criterios:
1)    Que as obras se adapten ás características sinaladas nas bases da convocatoria.
2)    A precisión na utilización da lingüaxe e a coherencia co carácter implícito da obra.
3)    A orixinalidade estilística e o tratamento temático novedoso.
SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar ó Concello de Malpica de Bergantiños a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posibel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros (que non poderá ser menor de 3). As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto se o xurado o estima conveniente e a súa proposta será obxecto de resolución ou acordo polo órgano competente do Concello de Malpica de Bergantiños. Practicarase a correspondente retención do IRPF ao beneficiario ou beneficiarios de acordo coa lexislación vixente. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2011 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o gañador do certame. A plica correspondente á obra que resulte gañadora poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñece-lo nome do gañador/a proposto/a. A proposta motivada do xurado, será remitida ao órgano competente do Concello aos efectos do acordo de concesión no prazo máximo dun mes, previa remisión polo candidato/s proposto/s dos correspondentes certificados acreditativos de atoparse ao corrente nos pagos coa facenda tributaria, coa Seguridade Social, así como o certificado acreditativo do número de conta bancaria titularidade do beneficiario onde deba realizarse o ingreso do premio.O acordo de outorgamento do premio será obxecto de publicación no Taboleiro de anuncios do Concello de Malpica por un prazo mínimo de un mes.
SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado a partir do día seguinte serán destruidas.
OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
NOVENA. As presentes bases serán obxecto de publicación no BOP así como no Taboleiro de anuncios do Concello de Malpica.

Malpica de Bergantiños, 16 de setembro de 2011.

O Alcalde-presidente,

Eduardo J. Parga Veiga