Cuestionario Proust: Suso Lista

DesdeSuso Lista o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Suso Lista:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ter o allo no cu. É raro verme quieto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Apoio e compaña nos bos e malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasear. Ulir. Tocar…, sentir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A boa saúde. A paz. A serenidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xeólogo e astrofísico.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Amarelo.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Unha orquídea amarela e azul que abunda aquí e que non sei como se chama.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo. Estou seguro que nas vilas identifican os humanos veciños deles. Leva xeracións cohabitando no mesmo entorno. Xunto coas andoriñas son os autenticamente nativos das nosas vilas e aldeas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos. Rulfo, Voltaire, Wilde… E sete ou oito máis…
14.– E na poesía?
– Walt Whitman.
15.– Un libro?
Pedro Páramo.
16.– Un heroe de ficción?
– Corto Maltés.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslongas.
18.– A súa música favorita?
– Toda menos o reguetón.
19.– Na pintura?
– Dalí. Ultimamente descubrín a Georgi Petrov e encántame.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña avoa Felisa. Nun mes morréronlle os cinco fillos que tiña, e volveu criar outros cinco, entre eles meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– Gumersindo. Pola súa sonoridade.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A guerra.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tódolos ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– A reconquista de Perejil. Tamén admiro o ben que desfila a cabra que levan os lexionarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Voar como os corvos.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen causar problemas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Ser bo non custa nada.”