Suso Lista, escritor e actor: “Non me interesa escribir historias de amor, prefiro as que son como a pel do melgacho”

Entrevista de Antón Escuredo a Suso Lista en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como “armou” esta “travesía” en trece relatos que aparecen na obra?
– Suso Lista (SL): Se comezamos polo nome, escollín Travesía relacionándoo co peor vento que temos no mar. O vento forma parte dos catro elementos e, desta maneira, completo a serie dos outros tres libros que fixen dedicados á auga, á terra e ao lume: Salseiros, Xeixos e Charamuscas. E son trece por ser unha ducia pesca que leva trece unidades de sardiñas, tal e como se vendían antes. E para nada é un número de mala sorte, todo o contrario, é unha sorte que che dean trece cunha ducia.
Son relatos curtos. Síntome máis cómodo con esta fórmula que con outras máis extensas. Levaba tempo sen escribir. Despois da novela Como a roda no muíño que saquei en 2020 non tiña moito interese e de repente quixen pórme outra vez. Sabía que tiña que rematar os catro elementos. Tiña algún xa escrito mais cando me puxen foi todo moi rápido, en tres meses tiña o libro rematado para publicar.
– ND: Nas historias que conta neste libro baséase na realidade que o arrodea?
– SL: Neste libro en concreto baséome na miña propia vida. Vivo en Corme, na Costa da Morte, e case todos os personaxes que fago teñen moito de reais, son de aquí e teñen que ver coa miña propia experiencia. Fago literatura propia da Costa da Morte, aquí non a coloco por quedar ben. Con todo, introduzo moitos temas que me interesan, como é o flamenco que me quedou de facer a ‘mili’ en Cádiz e coñecer persoas moi interesantes. Podo dicir que a miña vida entra na obra e nela sae tamén a etapa que pasei na mariña mercante ou como percebeiro. No meu libro falo de nós mesmos, de como respiramos. (…)”

A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2022

Corme: presentación de O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño

O 20 de agosto, ás 19:00 horas, na Praza da Ribeira, en Corme (en caso de choiva, o acto tería lugar no salón de actos da Confraría de Pescadores de Corme), preséntase o libro O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño, publicado por Edicións Fervenza. A autora estará acompañada por Xosé Manuel Varela, Suso Lista e Rafael Lema.

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 5 de agosto

O 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Esperanza Mariño asina A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo, publicado por Xerais.
19:30 h. Ismael Ramos asina Lixeiro, publicado por Xerais.
19:30 h. María Rey e Amancio Liñares asinan a tradución de Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, de Pablo Neruda, publicada por Medulia.
20:30 h. Presentación e sinatura de Entre donas, publicado por Baía, con Marilar Aleixandre, Antía Yáñez e Rosalía Fernández Rial.
20:30 h. Suso Lista asina exemplares de Como a roda no muíño, publicado por Embora.