Henrique Rabuñal publica unha biografía de Xosé María Álvarez Blázquez

A editorial Laiovento, sumándose á celebración do ano Álvarez Blázquez, publica unha biografía do protagonista das Letras Galegas 2008 da autoría do tamén escritor e profesor Henrique Rabuñal.
O libro, escrito cunha evidente vocación de síntese, repasa todas as etapas vitais, os grandes proxectos intelectuais e o conxunto da obra literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez, da que o libro de Rabuñal achega unha antoloxía con diversos textos, poemas e mesmo un relato íntegro. Por estas razóns ademais de servir para un lector habitual, o libro é unha excelente ferramenta para o mundo do ensino e unha boa introdución para quen queira profundizar nun dos múltiples aspectos que se abordan no libro.
O libro fai fincapé no labor de Álvarez Blázquez como editor e contén unha descrición sumaria pero exhaustiva de todos e cada un dos libros e textos do autor tudense.
Henrique Rabuñal, doutor en Filoloxía Galega e directivo da AELG, xa publicou outras biografías de éxito de importantes figuras da nosa cultura como Manuel Murguía, Xenaro Mariñas, o Padre Sarmiento ou Lugrís Freire.