Nace Moléculas Editorial

“Con sede na cidade de Tui, Moléculas Editorial é un proxecto longamente traballado polo escritor, músico e editor Francisco Castro, que estará á fronte da editorial, coa coordinación editorial da escritora Inma López Silva.
A nova editorial nace cunha vontade clara: publicar libros en galego pensados para un lectorado esixente, obras que teñan unha voz propia e que merezan formar parte dun catálogo coidado e coherente.
Moléculas pretende que sexa a calidade dos proxectos, e non exclusivamente as expectativas comerciais, a que determine que libros publicar. Nun momento no que a velocidade do mercado editorial impón con frecuencia os seus criterios, o novo selo aposta por traballar con calma, seleccionar con rigor e coidar cada libro.
«Queremos publicar libros que nós mesmos queiramos ler» resume o espírito dun proxecto que aspira a construír, pouco a pouco, un catálogo de títulos en galego capaces de dialogar cun público lector interesado en propostas literarias singulares e de calidade.

Os primeiros títulos
Moléculas Editorial inicia a súa andaina con dous libros moi diferentes, pero que comparten esa vontade de ofrecer aos lectores propostas literarias con personalidade.
O primeiro é Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego, de Inma López Silva. Ata o de hoxe non existía na nosa lingua unha biografía realmente divulgativa do rianxeiro. O libro aborda a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao desde as súas múltiples facetas —debuxante, político, orador, escritor e exiliado— e pretende achegar ao público xeral unha visión divulgativa da súa figura, ao tempo que recupera aspectos menos coñecidos e mesmo controvertidos da súa vida.
O segundo lanzamento é Lázara, de Rexina Vega, o seu primeiro libro como poeta logo dunha extensa e fecunda obra narrativa. Estamos diante dun libro que se adentra na experiencia da enfermidade e na travesía do corpo, a quimioterapia, a posibilidade da morte e a procura dun lugar desde o que volver mirar. Unha voz que, fronte á dor e á perda, reivindica tamén a beleza, a gratitude e a esperanza.
Nos vindeiros meses verá a luz un poemario híbrido (poesía, narrativa e fotografía) e moi diferente a toda a súa produción anterior, do poeta Baldo Ramos, así como a poesía inédita dunha importante intelectual galega que se anunciará dentro de pouco.
Os dous primeiros títulos de Moléculas Editorial estarán axiña dispoñibles nas librarías, dando así comezo á andaina pública dun proxecto editorial decidido a facerse un lugar no panorama editorial galego.”

Foz: actividades do 21 de agosto na Feira do Libro 2026

Falece o histórico nacionalista Luís Gonçales Blasco, ‘Foz’

Desde Nós Diario:
“Luís Gonçales Blasco naceu o 18 de agosto de 1941 en Foz, A Mariña, de aí o seu alcume ‘Foz’. Formou parte na súa estadía en Madrid do grupo Brais Pinto xunto a, entre outros, Bautista Álvarez e Xosé Luís Méndez Ferrín, e fixo parte do Consello da Mocidade (1962-1963) do que foi expulsado polo piñeirismo xunto a un grupo de mozos aos que se acusou de comunistas, que fundan ao ano seguinte a Unión do Povo Galego (UPG). De feito, Foz participou do acto da Rocha en Santiago de Compostela de fundación formal da UPG o 25 de xullo de 1964.
Gonçales Blasco mantivo unha actividade política antifranquista moi activa na súa etapa de estudante en Compostela entre 1963 e 1968. Neses anos, fixo parte, sucesivamente, da UPG, do Partido Comunista de España, do Partido Comunista (Marxista-Leninista), participando en organizacións dos estudantes antifascistas como a FUDE ou do colectivo editor da revista Unión Galiza-Vietnam.
En 1968 tivo que exiliarse en Francia pola súa actividade política durante a ditadura. Alí licenciouse en Lingüística Xeral na Universidade de París, retornando a finais de 1968 a súa militancia da UPG, sendo con Henrique Harguindey un dos promotores desta organización en Francia.
Gonçales Blasco participou en 1974, canda Carlos Xoán Díaz, en representación da UPG na redacción e sinatura da Carta de Brest, impulsada por esta organización galega, a Unión Democrática da Bretaña e o Sinn Fein, como estrutura que agrupaba formacións políticas das nacións sen Estado de Europa occidental
Viaxou a Portugal en 1975 para conectar coas forzas revolucionarias, as exiliadas e exiliados galegos e a súa familia. Abandonou a UPG en 1978 integrándose no Partido Galego do Proletariado (PGP); despois militou noutras organizacións independentistas como Galiza Ceive, a Frente Popular Galega (1987) e a Assembleia do Povo Unido. Participou na formación de Anova e despois integrouse en Cerna. Foi membro da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e académico da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP).
Traballou como copropietario en Livraria Páxina, como Auxiliar administrativo en Éditions Ruedo iberico. Tamén como profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario até a súa xubilación no IES Arcebispo Xelmírez de Santiago.
Publicou en revistas e obras colectivas algúns traballos sobre lingua e literatura galegas e sobre a historia do nacionalismo galego contemporáneo. É autor de A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986) (2012, Laiovento); A UPG em Portugal e alguma coisa mais (2022, Através Editora) e Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (2023, Xerais).”

Viveiro: actividades do 13 de agosto na Feira do Libro 2026