Natalia Colombo gañou o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

A ilustradora e deseñadora arxentina Natalia Colombo gañou o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago e a editorial Kalandraka, coa obra titulada Cerca. O galardón ten unha dotación económica de 12.000 euros e o libro será publicado a finais deste mesmo ano por Kalandraka, nas cinco linguas peninsulares. O xurado valorou un total de 335 traballos procedentes de numerosos países, entre os que se escolleu Cerca pola relación “perfectamente trenzada” entre relato e imaxes, que “narran, flúen e evolucionan”.