“Entre dous séculos”: III Encontro de Escritores/as Novos/as

Pazo de MariñánA Asociación de Escritores en Lingua Galega, co apoio da D. X. de Xuventude e Solidariedade, da Deputación da Coruña e da S. X. de Política Lingüística, está organizando para os días 26 e 27 de setembro o III Encontro de Escritores/as Novos/as, no Pazo de Mariñán.

Dáse así continuidade a esta actividade cuxa segunda edición tivo lugar en 2002. Á volta de seis anos é tempo de que, co lema “Entre dous séculos”, teñamos ocasión de revisar a creación máis nova do noso sistema literario, concretamente a daqueles/as autores/as que comezaron a publicar desde os noventa até o día de hoxe. Para isto, prográmanse catro mesas redondas cos seguintes títulos e relatores/as:

-Cartografías literarias no novo século: Oriana Méndez, Mario Regueira, Rubén Ruibal.

-Presenza e invisibilidade das/os escritoras/es na sociedade actual: Iolanda Aldrei, Ana Acuña.

-A literatura. Internet e novas tecnoloxías: Lara Bacelo, Leo Campos, Eduardo Estévez.

-Literatura, sociedade, nación: María Reimóndez, Rafa Villar, Carlos Negro.

Museo de Belas Artes da CoruñaHaberá tamén un recital no Museo de Belas Artes da cidade da Coruña co título xenérico de “Antes mort@s que solemnes”.

A actividade está aberta a todos os asociados/as, aínda que vai enfocada especialmente aos/ás que veñen publicando desde os 90 até a actualidade, e que terán prioridade dado o límite de prazas do Pazo de Mariñán. É por iso que desde xa se abre o prazo para solicitalas, que se estende até o 12 de setembro. De resto, a asignación farase, alén de polo criterio xa citado, por estrita orde de chegada da solicitude a este mesmo mail. A Asociación faise cargo de todos os gastos de estancia.

A Aelg editará un número da súa revista Escrita Contemporánea coas Actas deste encontro. Nelas, ademais das intervencións nas mesas redondas, e co ánimo de ter unha visión máis completa do tema proposto, quérese dar oportunidade a todos os socios/as da Aelg que empezaran a publicar desde os 90 até hoxe, de que nos envíen en forma de texto (4 páxinas de 1800 caracteres como máximo), a súa reflexión persoal de como ven situada a súa persoal traxectoria creadora dentro do sistema literario; a reflexión estenderase tamén a analizar se o concepto de xeración é válido para entender a nova produción literaria, ou se deixou de ter utilidade tendo en conta que as recentes tecnoloxías permiten desenvolver formas de creación, de difusión e colaboración inéditas; así mesmo, as achegas poderán concluír se hai ou non os suficientes elementos novidosos na escrita dos novos/as que permitan caracterizala no seu conxunto. Estas achegas entregaranse neste mesmo mail até o 15 de outubro.

(O Consello Directivo da Aelg)