Ourense: roteiro literario “A esmorga”

Mañá venrés día 19 de decembro, a partir das sete da tarde, a Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do ROTEIRO A ESMORGA. O inicio terá lugar ás 19:00 horas na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor.

Nesta ocasión a lectura dos textos será a cargo dos alumnos do Instituto de Educación Secundaria da Carballeira, coa que pretenden renderlle a súa pequena homenaxe ao seu profesor, verdadeiro impulsor deste roteiro, Marcos Valcárcel. O peche desta nova edición farase diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematando cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo. (Liceo de Ourense)