Ourense: conferencia de Bieito Iglesias

Proseguen os “Encontros Literarios” organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense. Mañá martes 3 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da entidade o escritor galego Bieito Iglesias impartirá a conferencia Conto contado burro aparellado. Os Encontros están patrocinados pola Cátedra Carlos Casares da Universidade de Vigo, financiada pola Vicerrectoría do Campus de Ourense desta Universidade e a Diputación Provincial de Ourense.

Bieito Iglesias Araúxo (Quintián, Coles, 1957). Licenciado en Historia Contemporánea. Profesor de Ensino Secundario en Santiago de Compostela. Colaborador literario en diversas publicacións (La Voz de Galicia, Tempos novos e Dorna). Como tradutor realizou en colaboración con Manuel Vázquez a versión galega da serie de Sherlock Holmes de Arthur Conan Doyle (1995). Como ensaista participou no volume Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (1991). Como narrador ten publicado Luanda (1990), relato policial; Aventura en Nassau (Xerais 1991), contos; Vento de seda (Xerais 1992), novela; Miss Ourense (1994), relatos policiais; Conta os latidos (1995), novela curta; Non sabía que doía tanto, incluído no volume Antoloxía do conto galego de medo (1996); O mellor francés de Barcelona (1999), relatos; A noite das cabras do aire (Xerais 1999), Premio Merlín 1999; A vida apoteósica (Xerais 2001), novela; A historia escríbese de noite (2001), novela, premio García Barros; e os relatos Hotel Arriaga publicado en Materia prima (Xerais 2002) e Momentos decisivos publicado en Longa lingua (Xerais 2002). En 1999 obtivo o premio Ciudad de Salamanca coa novela en castelán Bajo las más bellas estrellas (Algaida 1999).