Ourense: Obradoiro de creación literaria Habitar o lugar, facernos ser, con Arancha Nogueira

O Obradoiro de creación literaria Habitar o lugar, facernos ser, a cargo de Arancha Nogueira e cunha sesión especial con Lucía Cernadas.

Para habitar o lugar é preciso deformalo: miralo desde uns ollos novos, como un falcón ou un recén chegado. Neste obradoiro exploraremos a nosa identidade en relación ao territorio, reflectiremos sobre os espazos vividos e os espazos anhelados, xogaremos coas palabras para crear lugares novos, para escapar dos non-lugares e, sobre todo, para habitarnos enteiras neles.
Achégaste a facer lugar?

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e o nome deste obradoiro, que se desenvolve no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

Calendario e horarios
Sábados 7, 14, 21 e 28 de setembro; 5, 12, 19 e 26 de outubro de 2024, de 11:00 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Ourense: Abril Oteriano 2024

Sara Vila gaña o Premio Blanco Amor

Desde o Diario de Pontevedra:
“A escritora e xornalista Sara Vila (As Neves, 1989), veciña de Pontevedra, é a gañadora do XLII Premio Blanco Amor, segundo se deu a coñecer este sábado en Ourense. Recibe o galardón pola novela O incendio.
O xurado destaca o “tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares a través da protagonista da obra: unha muller que relata a súa adolescencia. A acta sinala que Vila emprega no seu traballo unha voz “poderosa e crúa” para achegarse a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”.
Tamén se sinala que a dureza da realidade pouco compracente de O Incendio “contrasta co sentido do humor no tratamento das diferenzas entre mocidade e vellez, ademais coa asepsia dos adultos e a problemática da infancia ou a vitalidade do primeiro encontro coa morte”. O xurado subliñou tamén a calidade literaria de todos os traballos presentados, 21 títulos orixinais.
O certame organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor, en colaboración coa Deputación de Ourense, está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. A entrega desta distinción terá lugar o próximo 1 de decembro durante un acto literario previsto no Liceo de Ourense (20:00 horas). A data coincide co día aniversario do falecemento do autor de A Esmorga en 1979.
O xurado da 42ª edición do galardón foi presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor, e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta.”

Ourense: entrega do premio VIII Concurso Balbino de Relatos a Clara Martín e presentación de Loucine