Hoxe mércores 6 de maio ás 19.30h no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela entregaraselle o galardón Escritora Galega Universal á escritora e xornalista mexicana Elena Poniatowska, concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. No acto Elena Poniatowska dará unha conferencia co título La literatura que viene de la calle.
A Laudatio correrá a cargo do xornalista e escritor Manuel Rivas. No acto intervirán ademais o presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o Reitor da USC, Senén Barro e o pechará o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela Fariña.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón Escritora Galega Universal á escritora mexicana Elena Poniatowska. O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México). Os anteriores premiados foron Mahmud Darwish, Pepetela e Nancy Morejón.