A AELG lembra a Rosalía cunha lectura pública da súa obra

Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro mércores, 24 de febreiro, a AELG organiza unha lectura pública simultánea nas seguintes cidades do país:

A Coruña, ás 18.00, Xardíns de Méndez Núñez, Monumento a Curros Enríquez

Ferrol, ás 18.00, na Praza do Himno Galego

Lugo, ás 18.00, Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868 (hai unha placa indicativa).

Pontevedra, ás 18.00, onde a estatua de Castelao

Santiago, ás 17.30, onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura

Vigo, ás 19.00, no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel

Podedes consultar neste mapa a ubicación exacta dos diferentes lugares.

Santiago: presentación dun libro de Lois Oreiro

O libro Uns ós outros de Lois Oreiro preséntase en Santiago de Compostela o vindeiro xoves 11 de febreiro. No acto intervirán Luís González Tosar –poeta e presidente do PEN Club-Galicia–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Tamén contará coa actuación do músico Quique Azambuya. Será na Sede da Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, 19) a partir das 19 horas.

Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo

Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.

Santiago: presentación da revista de pensamento Roteiros

Este xoves preséntase en Santiago o número 3 da Revista–Anuario de Filosofía Roteiros. Arumes de pensamento crítico, editada pola Asociación Cultural de Pensamento Filosófico e 3C3 Editores. No acto intervirán os profesores e membros do Comité de Redacción da revista, Manuel Rivas García e Miguel Ángel Martínez Quintanar –coordinador deste número–, xunto co director editorial de 3C3, X. Amancio Liñares Giraut. A cita é na Librería Couceiro (Praza de Cervantes, 6. SANTIAGO) o xoves, 10 de decembro, ás 8 da tarde.

Santiago: mesa redonda con Concha Blanco, Marcos Calveiro e Rosa Aneiros

O club de lectura Gálix Tendendo redes organiza unha mesa redonda que leva por título A fráxil existencia, temática escollida para o mes de novembro polo club, e que aborda eses libros que teñen como fondo de reflexión os inadaptados sociais, os seres humanos que dun xeito ou doutro se sitúan nas periferias da sociedade.

Nesta mesa redonda participarán a escritora Concha Blanco, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática da súa novela Nano; o escritor Marcos Calveiro, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática dentro da súa novela Rinocerontes e quimeras e a escritora Rosa Aneiros, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática na súa última obra Ás de bolboreta. Modera a mesa Ánxela Gracián. O acto terá lugar o xoves 26 de novembro de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (pazo do Obradoiro, Santiago).

Santiago: a compañía Bicodobrelo Teatro estrea a obra Matilde

A compañía compostelana Bicodobrelo Teatro, gañadora do 2º premio de teatro nos galardóns GZcrea 08, estrea a obra Matilde, unha adaptación da obra de Mario Benedetti Pedro y el capitán, levada a cabo pola propia compañía. Trátase dunha obra de teatro con dous únicos personaxes, un torturador e unha suposta presa política, que manteñen un diálogo imposible nun marco indefinido, pero que podería aplicarse a diversos lugares e momentos históricos. A obra está composta por catro actos e os seus correspondentes interludios, que non se limitan a ser meros espazos de transición, senón que serven de porta de entrada para un complexo marco artístico multidisciplinar no que se combinan a música en directo, a pintura e incluso a danza.

A función terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 25 de setembro ás 21:00. A entrada é de balde ata completar aforo.

Santiago: entrega do premio “Escritora Galega Universal” á escritora e xornalista Elena Poniatowska

Hoxe mércores 6 de maio ás 19.30h no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela entregaraselle o galardón Escritora Galega Universal á escritora e xornalista mexicana Elena Poniatowska, concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. No acto Elena Poniatowska dará unha conferencia co título La literatura que viene de la calle.

A Laudatio correrá a cargo do xornalista e escritor Manuel Rivas. No acto intervirán ademais o presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o Reitor da USC, Senén Barro e o pechará o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela Fariña.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón Escritora Galega Universal á escritora mexicana Elena Poniatowska. O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México). Os anteriores premiados foron Mahmud Darwish, Pepetela e Nancy Morejón.