Mañá venres 8 de maio, ás 20:00 a escritora mexicana Elena Poniatowska visitará a sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11) para impartir unha conferencia, A literatura que vén da rúa. A entrada é de balde e libre até completar a capacidade do recinto.
Xornalista e narradora, Elena Poniatowska nace en París no ano 1933, filla dunha mexicana e dun nobre polaco. Na Segunda Guerra Mundial partiu coa súa nai cara México, mentres seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. Doutora Honoris Causa polas Universidades de Sinaloa, Toluca, Columbia (Nova York), Florida (Miami) e pola Universidade Nacional Autónoma de México. A súa carreira iniciouse no exercicio do periodismo, mais ten publicado unha obra moi ampla que inclúe varios xéneros. Entre os seus textos destacan as novelas “Hasta no verte Jesús mío” (1969), “Querido Diego, te abraza Quiela” (1978), “La flor de lis” (1988), “Tinísima” (1992) e “La piel del cielo” (2001); os ensaios “Todo empezó el domingo” (1963), “La noche de Tialtelolco” (1971), “Gaby Brimmer (testimonio 1979)”, “Fuerte es el silencio” (1980), “El último guajolote” (1982), “Ay vida, no me mereces¡” (1985), “Nada, nadie. Las voces del temblor” (1988), “Juchitán de las mujeres (testimonio, 1989)”; as coleccións de contos: “Lilus Kikus” (1954), “De noche vienes” (1979), “Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo” (1982) e os libros de entrevistas: “Palabras cruzadas, Era” (1961), “Domingo 7” (1982), “Todo México” (1990) e “Todo México, vol. II” (1994). Ten recibido múltiples premios entre os que destacan Premio Nacional de Periodismo (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) (1978), Premio Mazatlán de Literatura (1992), e, o máis recente, Premio Alfaguara de Novela 2001, por “La piel del cielo”.
Elena Poniatowska utiliza a súa literatura combativa e crítica para deitar luz sobre as desigualdades e inxustizas que se producen decote en México, de maneira sobranceira, ten dado voz en múltiples foros internacionais á causa das mulleres asasinadas e desaparecidas de Ciudad Juárez.
A conferencia enmárcase dentro da homenaxe que este ano lle tributa a AELG, que lle outorgou este ano o Premio “Escritora Galega Universal”.