A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

A AELG lembra a Rosalía cunha lectura pública da súa obra

Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro mércores, 24 de febreiro, a AELG organiza unha lectura pública simultánea nas seguintes cidades do país:

A Coruña, ás 18.00, Xardíns de Méndez Núñez, Monumento a Curros Enríquez

Ferrol, ás 18.00, na Praza do Himno Galego

Lugo, ás 18.00, Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868 (hai unha placa indicativa).

Pontevedra, ás 18.00, onde a estatua de Castelao

Santiago, ás 17.30, onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura

Vigo, ás 19.00, no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel

Podedes consultar neste mapa a ubicación exacta dos diferentes lugares.

A Coruña: Lourenzo Fernández Prieto presenta o seu novo libro

O próximo mércores 20 de xaneiro ás oito do serán preséntase na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) o libro Facendo Historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. No acto intervirán Ernesto Sánchez Pombo –xornalista–, Manolo Martínez Barreiro –analista político e autor do limiar–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

A Coruña: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio presenta este venres 15 no Fórum Metropolitano da Coruña o espectáculo poético-musical Once máis 15, libro-CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual. Versos que van dende Rosalía e Curros ata Antón Lopo e Daniel Salgado convértense en cancións por virtude dun elenco variado de músicos no que conviven a electrónica, o pop, o rock de diversa inspiración e case todos os estilos imaxinables.

O libro recolle as versións orixinais dos poemas, aquelas que serviron como punto de partida para as composicións dos músicos, así como pequenas biografías dos autores. Por parte dos músicos, a edición aporta imaxes das bandas e textos que os presentan.

No concerto no Fórum, dentro do ciclo Espazo Aberto, presentará o proxecto coas actuacións de Elanor, Xurxo Mares e Miguel Alonso. O concerto será o venres 15 de xaneiro ás 20 h e o prezo das entradas será de 3 euros.