Libro aberto, programa do 3 de xuño

Esta semana Libro Aberto entrevistará a Bernardo Atxaga, o escritor vasco de máis sona na actualidade. Falarán con el da súa novela máis recente, Sete casas en Francia, un texto que nos leva á África colonial de principios do século XX.

A primeira reportaxe do programa fará un repaso pola literatura vasca desde as xeracións da posguerra ata a actualidade. Despois abordarán a actividade dos contacontos, figuras que recuperan historias populares e que mesturan a oralidade con recursos propios do teatro. Trátase dun grupo heteroxéneo, o que contribúe a unha crecente mestura de xéneros. O vigués Cándido Pazó falará deste ámbito da narración oral.

O programa conversou tamén coa mexicana Elena Poniatowska na súa primeira visita a Galicia. A autora, recentemente galardoada como escritora galega universal, explicará a relación entre a súa vida e a súa literatura.

Na sección de crítica, Armando Requeixo fará un repaso dos autores que pese a pertencer ao ámbito das pequenas literaturas nacionais conseguiron triunfar internacionalmente. Despois Carlos Quiroga, experto en letras portuguesas, analizará a obra As tres vidas do autor Joao Tordo, un dos escritores de máis sona no romance portugués.

Pecha o programa todo un clásico do cómic: Tintín. Este reporteiro de papel, levado posteriormente á pequena pantalla, tivo tamén as súas sombras. As viñetas de Tintín no Congo levantaron gran polémica, acusada de ter contidos racistas e de facer apoloxía do colonialismo.

Libro aberto emítese hoxe mércores 3 de xuño á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.