Santiago: xornada de actividades arredor do libro Festina lente

O club de lectura Gálix Tendendo Redes pecha ata setembro as súas actividades cunha xornada lúdico-artístico-literaria que pretende poñer de relevo un dos temas máis debatidos ao longo destes meses, o das marxes, é dicir, os territorios de fronteira da Literatura Xuvenil. Para iso escolleron unha obra de ficción pertencente ao xénero da novela histórica, cunha trama de misterio sólida e ben documentada, así como cunha calidade e exixencia literarias interesantísimas. Trátase da novela publicada por Edicións Xerais de Galicia Festina lente do autor Marcos Calveiro. Haberá unha lectura compartida o día 2 de xullo de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega. Ese mesmo día o doutor Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.

O sábado 4 de xullo poñerán fin a esta primeira andaina inverno-primavera 2009 cunha xornada artístico-literaria polo escenario de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares desta obra e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Pechará o día un recital poético que leva como lema Canteiro en Compostela, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra. Para apuntarse á actividade do día 4 de xullo é preciso contactar por correo electrónico coa organización en calquera destes enderezos: Gálix / Ánxela Gracián / Tendendo Redes.