Discurso de Xosé Manuel Beiras nos Premios Trasalba

Gabanza e oración profana a Don Ramón de Trasalba
Xosé Manuel Beiras

Por moi atrás que me remonte nas miñas lembranzas, até os recantos máis remotos da miña memoria infantil, non son capaz de sinalar o momento preciso en que nela emergulla por primeira vez a imaxe de Don Ramón Otero Pedraio -a tal ponto ela constitue unha constante nos arquivos do meu imaxinario primeirizo. Se cadra porque, presidindo o escritorio do meu pai, primeiro na rua do Vilar e despois na Rosaleda, estivera sempre un tríptico de retratos fotográficos que eu vía de cotío, enmarcado en madeira escura tallada por Bonome e coroado polo escudo de Galiza, no que a efixie de Don Ramón ocupaba o centro: Castelao, á esquerda, e á dereita Risco, completaban a trinidade simbólica providencial do credo que máis firme e afervoadamente profesou meu pai de por vida, o ideario galeguista da redención do povo galego, o ideario liberador da Terra asoballada, o ideario emancipador da nosa nación galega.[Ler texto completo]