Lugo: presentación dun libro de Xurxo Martínez Crespo

O venres 2 de outubro preséntase o libro José Almoina & Pilar Fidalgo Exilio Dominicana México, escrito por Xurxo Martínez Crespo. O acto terá lugar na Galería Sargadelos de Lugo ás 20 horas, e contará coa participación do profesor, escritor e poeta Claudio Rodríguez Fer, o escritor e xornalista Afonso Eiré e o autor Xurxo Martínez Crespo.

José Almoina e a súa muller Pilar Fidalgo son os grandes esquecidos da memoria histórica do exilio galego. Almoina, que naceu na cidade de Lugo, é funcionario de Correos en Benavente ao comezo da guerra. A súa muller é detida coa súa filla Helena, con 15 días de nacida e pasan 10 meses nos cárceres franquistas. O seu testemuño, escrito en 1937 en Francia e recuperado para este libro en galego, é o primeiro testemuño dunha muller verbo as torturas e a represión franquista nos cárceres durante a guerra.

Almoina, diplomático da República en Niza, marcha a Dominicana coa súa familia en 1939. Alí chegara a ser profesor universitario e particular do fillo do ditador Trujillo e despois, o seu secretario. A aceptación do posto valeulle a expulsión do PSOE no exilio. Almoina foxe de Trujillo e marcha a México coa súa familia. Durante o seu tempo no goberno do ditador, apenas uns meses, realiza un informe secreto verbo as actividades desestabilizadoras de Trujillo en Cuba e Venezuela. Unha vez en México, acabado de chegar, presenta o informe aos gobernos de Cuba e Venezuela.

A súa vida crúzase coa do exiliado vasco (PNV) Jesús de Galíndez en Dominicana. Galíndez, informante a soldo dos servizos de intelixencia estadounidenses, será secuestrado en Nova York e asasinado en 1956 polo ditador Trujillo. A historia, inxusta, fará de Galíndez un heroe e de Almoina un colaborador. Este libro rompe con ese tópico ao mostrarnos un Almoina que non só se xogou a súa vida, senón a de toda a súa familia, fuxindo durante máis de 12 anos dos sicarios de Trujillo, até que un día morre asasinado en México por dous pistoleiros cubanos, o 5 de maio de 1960, un día despois de ser atropelado e baleado. As súas derradeiras palabras foron: “Foi Trujillo”.

José Almoina & Pilar Fidalgo: Exilio. Dominicana, México é un libro coeditado pola Confederación Intersindical Galega e a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados en Edicións A NOSA TERRA.