Galeusca 2009: conclusións

Na sesión de clausura do GALEUSCA 2009, Cesáreo Sánchez Iglesias leu as seguintes conclusións:

«Os escritores galegos, cataláns e vascos, reunidos en Arantzazu do 9 ao 12 de outubro de 2009, baixo o lema “Hizkuntza txikiak, erronka handiak, Petites literatures, grans desafiaments, Literaturas minorizadas, grandes desafíos”, tras os debates correspondentes, adoptaron as seguintes conclusións:

1. Realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:

a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.

b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.

c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

2. Avanzar nos temas de propiedade intelectual e dereitos profesionais nos seguintes aspectos:

a) Valorar como moi positivos os novos contratos tipo pactados entre as asociación de escritores e o gremio de editores cataláns, recomendando a súa difusión e utilización futura.

b) Incidir conxuntamente nos traballos da subcomisión parlamentar que estuda a revisión da Lei de Propiedade Intelectual.

c) Propor tamén a actuación, como Federación e a través de European Writers’ Council, nos debates sobre lexislación e directivas europeas de propiedade intelectual, en especial as relacionadas co ámbito dixital, libro electrónico, novos formatos, etc.

Así mesmo, a Federación Galeusca, na súa defensa da liberdade de expresión, ante a próxima celebración do xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon Egunkaria, quere facer chegar a súa solidariedade aos imputados e facer pública a súa esixencia de arquivo da causa.

Apoiamos as mobilizacións que se van celebrar en Galiza, Euskadi e Países Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos. Neste sentido, mostramos o noso total desacordo coas accións regresivas respecto á normalización lingüística adoptadas polo actual goberno galego.

Finalmente, a Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da presidencia, comunica que Guillem Jordi Graells (Presidente de AELC) é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente de AELG), quen organizará o próximo encontro anual desta Federación.»