Actividades da AELG en 2010

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias, celebrada recentemente no Museo do Pobo Galego, acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2010, do que cómpre salientar:

-A concesión do premio Bós e xenerosos ao Colectivo de Concellos organizadores do Premio Blanco Amor de Narrativa, e da Letra “E”, Escritora na súa Terra, a Marilar Aleixandre.

-Entrega do galardón Escritor Galego Universal ao arxentino Juan Gelman na Cea das Letras, acontecemento literario onde se entregarán os Premios AELG XXX Aniversario. O premio para institucións irá para o Salón do Libro de Pontevedra. Este acto será ademais a oportunidade para exteriorizar a celebración do XXX aniversario da AELG, e homenaxear a todos os membros das respectivas directivas que a asociación tivo ao longo da súa historia.

Celebrarase tamén o ciclo de conferencias “III Encontro Cidade da Coruña”, a “II Xornada da Crítica”, o “IV Encontro de Escritores/as Novos/as”, a I “Xornada de Literatura e Ensino” e a “III Xornada de Literatura de Tradición Oral”; e
participará igualmente na edición do Galeusca, que organiza este ano a AELG na Coruña.

“A escrita do conto popular” é o título dun congreso que se celebrará en colaboración coa USC, e levará a cabo un Roteiro Novoneyra, no que colabora a Deputación de Lugo, e o ciclo “Escritores na Universidade”, organizado coa UDC e o Concello da Coruña.

Editaranse as actas da II Xornada de Literatura de Tradición Oral., e se lle dará continuidade a gravación en vídeo dos socios/as da AELG e do proceso de dixitalización para o Centro de Documentación da web da asociación, así como da apertura dunha sección na web coa historia da AELG a través dos informes de prensa.

Está prevista a celebración de 2 Polafías na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense, así como a colaboración coa Concellería de Cultura de Compostela para a elaboración de 4 roteiros literarios na cidade.
Finalmente, a AELG organizará un Cortexo Cívico conmemorativo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, desde Padrón ao Panteón de Galegos Ilustres.