Presentación do DVD Canto de Permanencia, homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convida para a presentación do DVD Canto de Permanencia, homaxe a Uxío Novoneyra. O acto terá lugar o próximo xoves día 15 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Contaremos coa actuación de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra. A entrada é de balde até completar aforo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W5o68_rEq_8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Canto de permanencia é un documental creativo e obra experimental sobre unha selección de poemas dos libros Poemas Caligráficos, Os eidos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. O documental combina os textos con imaxes do Courel, símbólicas na poesía de Novoneyra, e outras recreadas en estudio.
O guión pretende construír unha liña argumental na que o devir do tempo se referencia no paso das catro estacións, precedidas dunha obertura que nos sitúa no Courel, e seguidas dun epílogo de poesía máis intimista e carácter atemporal O final do documental Canto de permanencia é o auto-recitado de Letanía de Galicia en na voz do propio autor en abril de 1999.
Baixo o mesmo título inclúese A certeza de sermos. Son poemas recitados polo propio Novoneyra e até agora non divulgados, procedentes dos fondos documentais da AS-PG dun recital poético de 1988, e un cedido polo CIFP Ánxel Casal da Coruña datado en 1993. O audiovisual intercala fragmentos de discursos de Novoneyra, voz en off de Fernando Morán, co recitado dos poemas na voz do poeta. O común de textos e poemas é o seu carácter marcadamente social.
O dvd de Canto de permanencia contén tamén, como material extra, un recitado de versos de Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Quizán, Bernardino Graña e García Bodaño dedicados a Uxío Novoneyra no acto de homenaxe celebrado no Teatro Principal de Santiago en 1999. Conta ademais con imaxes da rodaxe e a storyboard.