Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza e O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, premios da Asociación Española de Críticos Literarios

Hoxe, día de 17 de abril, pasadas as 12 horas foron comunicados á prensa, na cidade de Barcelona, os gañadores dos Premios da Crítica Española,  concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios, que cada ano salientan os mellores títulos de poesía e narrativa en cada unha das linguas do estado español, e están considerados entre os máis prestigiosos do estado español.

En lingua galega, Xosé M. Eyré fixo público que os premiados eran O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, en narrativa, e Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza, en poesía.

En lingua castelá, José María Pozuelo Ybanco, anunciou que os galardóns correspondían a El viajero del siglo, de Andrés Neuman , en narrativa, e a Fämulo en poesía, poemario do autor Francisco Javier Lerín.

Javier Rojo comunicou que en lingua vasca correspondían a Autokarabana, de Fermín Etxegoien, en narrativa, e a Eroriaren logica, de Juanra Madariaga, en poesía.

Pola súa banda Álex Broch fixo públicos os correspondentes á lingua catalá, que recaeron en Contes Russos, de Francesc Serés, en narrativa, e a L´ombra dels dies vermells, de Carles Miralles, na modalidade de poesía.

Velaquí as palabras coas que Xosé M. Eyré facía públicos os premiados en lingua galega:

Deter o día cunha flor (A Coruña, Baía Edicións) presenta un diálogo artístico entre a poesía de Luz Pozo Garza e os grabados de José Valentín Díaz, diálogo harmonizado polo deseño de  Xosé Tomás. Un intenso ton de misticismo sincretista  abre o poemario coa serie “Aleph”, en complicidade intertextual cos autores admirados, de Borges a Dante; e péchao tamén con ese clima a serie “Carta de Beatrice Vía-Láctea” . Unha vez máis, o libro envíase como ofrenda ao amigo/amado ausente, Eduardo Moreiras (“Lotus no corazón”), por quen cobra sentido o desenvolvemento lírico do motivo tomado dunha poeta chinesa do s.XI que se lamentaba de que a beleza dunha flor recén nacida no ía poder reter o tempo de amor nun instante de eternidade (“Li Yian pide deter o día”).
Luz Pozo Garza deuse a coñecer coa insólita sensualidade erótica de Ánfora (1949) na poesía española de posguerra, e desde 1976, tras o precedente de  O paxaro na boca de 1952, é poeta monolingüe en galego, con títulos como Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) e As arpas de Iwerddon (2005), nos que se revela como neo-simbolista de impronta musical e interartística. Profesora, ensaísta e directora de revistas poéticas como Nordés e Clave Orión, desde hai tempo está consagrada como escritora galega universal.
……………………………………………………….
Era 2002 e Xabier Quiroga sorpendía na narrativa galega con Atuado na braña, unha historia ben trabada y traballada, complexa e poliangular, na que se plantexaba que a procura da identidade individual non se pode realizar fóra do ámbito social; por moito que os poderes mediáticos sacralicen o individuo, o certo é que a  historia de cada un está intimamente ligada á dos demais. Esta orientación temática  mantívoa  dous años máis tarde, en Era por setembro, novela máis breve que a anterior. Posteriormente chegou Se buscabas un deus (2006, sempre en Edición Xerais de Galicia), outra novela de fondo alento, que complementa Atuado na baraña, en canto que a primeira incursión se proxectaba sobre o pasado resultando afectado o presente e nesta segunda partindo do futuro acaba por afectar as tres dimensións temporararias (presente, pasado y futuro).
Esta O cabo do mundo, que hoxe premiamos, combina a extracción de personaxes da Historia da vida cotidá nun pobo do  sur da provincia de Lugo (Escairón), coa doación a esa mesma Historia de personaxes que son logradas creacións literarias. De forma e maneira que ambas (extracción e doación) encaixan á perfección no puzzle, ese enorme puzzle que construímos, con toda a vontade e dignidade de que somos capaces, todos os que non queremos que sexan esquecidas tantas traxedias como o Alzamento militar franquista de 1936 provocou e que algúns pretenden desactualizar interesadamente.