Premios AELG: este sábado na Cea das Letras

OS GAÑADORES DOS PREMIOS AELG 2010 DARANSE A COÑECER NA CEA DAS LETRAS

Durante o evento faráselle entrega a Juan Gelman dunha pluma en calidade de “Escritor Galego Universal”. Tamén se celebrará un acto de recoñecemento aos Consellos Directivos da AELG ao longo destes xa 30 anos de existencia.

Achégase a data de celebración dun dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega: os Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará o sábado 17 de abril no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela (Rúa Oblatas s/n), recoñecerase a mellor obra publicada no 2009 en cadanseu xénero: Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix), Poesía, Narrativa, Tradución (en colaboración coa Asociación Galega de Tradutores), Teatro e Traxectoria Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística do 2009, e para cuxa elección se contará cos votos dos/as membros do Colexio de Xornalistas), e o blog literario. Igualmente, entregarase o Premio AELG para Institucións, que nesta edición levará o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Aproveitarase a ocasión para facer un acto de recoñecemento aos Consellos Directivos da AELG ao longo destes xa 30 anos de existencia, personificados nas respectivas presidencias, secretarías xerais e vicepresidencias.

[Ver Finalistas Premios AELG 2010]

Gabinete de Comunicación da AELG
Tfno: 660 530 525
Correo-e: prensaarrobaaelg.org