Marica Campo e Elena Medel no ciclo “Poetas di(n)versos”

Este martes 18, ás 20:30, na Casa da Cultura Salvador de Madariaga. Coordina e presenta o evento Yolanda Castaño.

MaricaCampoMarica Campo naceu en 1948 no Val do Mao (Incio – Lugo) e foi profesora de galego no ensino secundario ata a súa xubilación voluntaria en 2008. Autora de poesía, narrativa, teatro e literatura infanto-xuvenil, é tamén colaboradora habitual nos xornais A Nosa Terra e El Progreso. Como narradora estreouse con Confusión e morte de María Balteira (1996) e, con Memoria para Xoana (2002), acadou o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2003. Cara ao público infantil, ten igualmente cultivado tanto a prosa coma o verso, e por esta última faceta foi merecedora do Premio “Fundación Neira Vilas” e mais do da AELG de Literatura Infantil. Como poeta, ademáis de textos soltos en multitude de publicacións periódicas e volumes colectivos, é autora dos poemarios Tras as portas do rostro (1992), Pedinche luz prestada (2001) ou Sextinario: trinta e seis mais tres (2007), que lle valeron galardóns coma o “Fiz Vergara Vilariño” ou o da AELG no apartado de Poesía. É autora de numerosas letras para grupos musicais galegos (Fuxan os ventos, A Quenlla, Uxía, etc), e incansable colaboradora dunha morea de iniciativas educativas e socioculturais a prol da lingua e literatura galegas.

ElenaMedelElena Medel naceu en Córdoba no ano 1985, aínda que vive dende 2006 en Madrid, onde traballa como editora en El Olivo Azul. Deuse a coñecer gañando, aos dezaseis anos, o “Premio Andalucía Joven” co sorprendente Mi primer bikini (2002) -un poemario escrito con quince anos e publicado aos dezasete- que esgotou a súa primeira edición en só tres meses e que hoxe vai xa pola terceira. Pouco despois editou Vacaciones (2004), e posteriormente Tara (2006), o seu último libro de poemas ata o de agora, que acadou xa unha segunda edición e que a confirmou de revelación a aposta segura da literatura española moza. É autora tamén dos cadernos poéticos Un soplo en el corazón (2007) e En los demás (2008), así como de relatos incluídos en antoloxías coma Cuentos eróticos de San Valentín (2007) ou Matar en Barcelona (2009). A súa obra ten sido parcialmente traducida ao alemán, árabe, esloveno, inglés, italiano, polaco e portugués, así como incluída en numerosas antoloxías. O seu interese pola poesía galega levouna a publicar traducidos ao castelán -en publicacións periódicas e antoloxías- poemas de diversos autores contemporáneos. Ten participado en festivais poéticos de Europa, América, Oriente Medio ou o Norte de África. Xunta a tamén escritora Alejandra Vanessa coordina o proxecto de axitación cultural La Bella Varsovia.
(A Coruña Cultura)