AELG: Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.
Organizado pola AELG, o cortexo cívico conta co apoio e colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a asociación cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 16,30 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”), para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte.