Vigo: mesa redonda sobre The Jazz I Love (O jazz que amo). Os escritores tamén improvisan

Este mércores 30 de xuño, ás 20:00, no MARCO de Vigo, o crítico, novelista e músico Quinito López Mourelle, colaborador do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons, convida o escritor Domingo Villar a falar sobre a súa relación co jazz. Domingo Villar (Vigo, 1971) non escribe de jazz, pero sen dúbida este impregna o seu libro Ollos de Auga (Galaxia, 2006), xa pola oitava edición, protagonizado polo detective vigués Leo Caldas, quen continúa as súas investigacións na recente A praia dos afogados (Galaxia, 2009). Quinito López Mourelle (Viveiro, 1968), crítico en xornais como La Opinión e publicacións especializadas como Cuadernos de Jazz, editou recentemente a súa última novela titulada Pimienta Negra (Ézaro, 2009), co jazz como fío condutor. Ambos compartirán co público as súas filias e fobias, explicando por que a improvisación musical se introduciu na súa narrativa. Máis información aquí.