Fran Alonso: “É unha impotencia”

Entrevista a Fran Alonso en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ten algún proxecto para a próxima temporada?
Fran Alonso (FA): Teño un libro de narrativa que acabo de entregar, e outro rematado dende hai un ano e pico que supoño que sairá en 2011. Como son lento escribindo, teño pouco tempo, estou nun momento no que me coinciden cousas nas que estiven traballando estes anos. De feito teño un poemario que supoño que sairá no outono. (…)
GH: A literatura para un escritor é á vez unha profesión e un hobby?
FA: Depende do concepto que teña cada un. Para min é unha profesión, e creo que os escritores deberían te-la opción de profesionalizarse sempre que quixesen. Teño a sensación de que pasan os anos e non escribo todo o que me gustaría. Hai moitos proxectos literarios que me quedan sen escribir por falta de tempo, é unha especie de impotencia que ás veces vivimos os escritores por non nos poder profesionalizar dende o punto de vista económico, porque si o estamos na medida en que temos unha obra coa que somos ou intentamos ser esixentes, temos uns requirimentos que nos fan levar un ritmo de vida dun escritor profesionalizado, e iso haino que compatibilizar cunha xornada laboral.