O poeta de Fene Pablo Bouza Suárez vén de gañar o XXXVI Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e a publicación da obra, polo seu poemario Na intimidade do azougue, mentres que Martiño Maseda conseguiu o segundo premio coa súa obra Nos labirintos das almas, dotado con 1000 euros e a súa publicación. O xurado estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, o xornalista Fidel Fernán e o xefe territorial de cultura en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina, actuando como secretario Xulio Xiz. O poeta de Ferrolterra repite, desta maneira, o éxito da pasada edición, en que tamén gañara o certame.