Xabier López: “Render contas co papel”

Entrevista a Xabier López en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): O punto en común dos catro relatos é que os seus personaxes lles buscan un sentido ás súas vidas?
Xabier López (XL): Son catro relatos escritos coa vontade de conformar un volume. Formalmente, é o primeiro libro de relatos que publico, logo de sete novelas. Se buscamos un nexo común dos catro relatos si que pode ser esa busca dos personaxes. O libro xoga cun equívoco, xoga a parecer o que non é, na liña de Por que ler os clásicos de Italo Calvino. En Os libros prestados, os libros non son realmente os protagonistas, aínda que se fale de libros, senón de persoas entre as que pode haber o nexo de xente que intenta encaixar as súas perspectivas de vida. Tendo en conta a dinámica que se vén establecendo dun tempo a esta parte sobre o que é realismo ou ficción, ou literatura fantástica, teño dito moitas veces que a literatura forma parte das nosas vidas. A capacidade da literatura para establecer parámetros de conduta pódese ver en libros como A Biblia ou o Corán. Hai xente que ten parámetros de conduta establecidos como lector, e que despois se derivan insuficientes para facerlles fronte aos episodios que lles toca vivir.
GH: Neste libro reflexionas sobre a importancia do como e do porqué da escrita, como algo máis importante que o propio libro.
XL: Si, é un relato moi paródico. Xa non tanto o acto creativo como o acto decodificador do propio lector, que tamén é creador. Lendo o mesmo libro, non todos lemos igual. A ese nivel creo que están emparentados o creador literario e o lector. Sen chegar aos extremos do Quixote ou de Madame Bovary, que ven perturbado o seu comportamento normal por mor da literatura, en todos os aspectos, acabamos encaixando a vida sempre con moldes, sexa o discurso literario ou o cinematográfico.”